Axudas servizo e calidade de augas traídas veciñais en Rois

A Xunta convoca unha nova liña de axudas dirixidas a mellorar o servizo e a calidade da auga das traídas veciñais destinando un total de 500.000 euros a instalacións de captación, potabilización e almacenamento.

Poderán subvencionarse as actuacións levadas a cabo a partir do 1 de xaneiro de 2021 e as achegas cubrirán un 80% do proxecto ata un máximo de 15.000 euros. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 20 de agosto.

Para optar aos incentivos, as comunidades terán que estar constituídas legalmente e faranse cargo do 20% do financiamento restante, se ben estas axudas son compatibles con outras subvencións.

Dos 500.000 euros de investimento, a Xunta destinará 200.000 a financiar proxectos de comunidades de ata 50 membros e os outros 300.000 cubrirán actuacións impulsadas por asociacións veciñais máis grandes.

Este é o segundo ano en que a Xunta convoca este tipo de axudas coa fin de apoiar o importante papel das traídas veciñais no ámbito rural. A dispersión de poboación en Galicia leva a que ao redor de 600.000 persoas empreguen pequenos sistemas de abastecemento de auga propios, xa sexan veciñais ou individuais.  

Podes consultar a convocatoria no DOG premendo nesta ligazón.