O programa integrado de emprego (PIE) Terras de Iria IV logrou que se incorporaran ao mercado laboral o 41% do alumnado que participou nos quince cursos formativos que se levan impartindo nesta iniciativa nos últimos sete meses. Financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e polos concellos de Rois, Padrón e Dodro, o PIE Terras de Iria está superando as expectativas fixadas polo goberno galego para conseguir que 35 persoas en situación de desemprego poidan atopar un traballo, das 81 que participaron nesta iniciativa.

Nesta cuarta edición, o PIE Terras de Iria IV leva formadas 85 persoas desempregadas e impartido quince cursos de diferentes sectores, como o mecanizado con CNC, soldadura TIGH, carpintería metálica, prevención de riscos básico, carretilla elevadora, ponte guindastre ou traballos en altura.

Algúns dos alumnos tamén se formaron en elaboración de conservas e produto do mar, manipulador de alimentos, dependente de sección de frescos, caixeiro repoñedor, atención ao público e manufacturas de coiro ou coaching laboral.

Ademais das sesións formativas propiamente ditas, o alumnado tamén recibiu sesións de orientación e asesoramento laboral e de intermediación laboral, ademais de realizar prácticas non laborais en diferentes empresas e incorporarse á bolsa de emprego.

Despois de sete meses, o Terras de Iria IV conseguiu que 35 persoas atoparan un postos de traballo en empresas dedicadas ao sector do aluminio, hostalaría, comercio, conservas, construción, almacén, coiro, soldadura, publicidade e administración.

Uns datos de inserción laboral que, ao igual que ocorreu en edicións anteriores, volve a superar os requisitos establecidos pola propia Consellería de Economía. Un dato que ven a avalar a aposta que fixeron tanto o Concello de Rois, como os de Padrón e Dodro, para melloras as expectativas de futuro da veciñanza.

20180810 Terras Iria 02