Percorrido Reis Magos Rois 2025

Os Reis Magos anunciaron xa a súa intención de volver a Rois o 5 de xaneiro para percorrer todas as parroquias e poder saudar así persoalmente á cativada do municipio. Coincidindo co paso da comitiva e tendo en conta que a véspera de Reis caerá nesta ocasión en domingo, asociacións veciñais e comisións de festas organizaron merendas e actividades para entreter a espera e facer desta data especial unha xornada de convivencia.

As Súas Maxestades de Oriente iniciarán o seu percorrido en Rois ás 10.45 horas e rematarano en Oín coa tradicional ofrenda ao Neno Xesús. Pasarán por Buxán (11.30 horas), Leroño (12.00 horas), Augasantas (12.30 horas), Ermedelo (15.00 horas), Urdilde (15.45 horas), Costa (16.30 horas), Herbogo (17.15), Seira (17.45 horas), Sorribas (18.15 horas) e Ribasar (18.45 horas). Merendas e obradoiros recibirán a comitiva real en boa parte das paradas.

Unha vez cuberto o itinerario, os Reis Magos dirixiranse ao pavillón de Rois, onde serán recibidos pola corporación municipal e repartirán agasallos entre toda a rapazada. A festa comezará ás 18.30 horas e contará con música, xogos e obradoiros. Unha gran chocolatada poñeralle a guinda para deixar traballar as Súas Maxestades na noite máis máxica do ano.

As actividades que se desenvolverán ao longo do día poden consultarse na seguinte imaxe.