20181025 Normalizacion 02Rois é un dos 20 concellos que impulsan a creación da Asemblea de Entidades Locais pola Lingua, unha asociación que nace co obxectivo de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma.

Na xuntanza inicial, celebrada o xoves 25 de outubro no Pazo de Raxoi en Santiago, participaron o tenente de alcalde, Manoel dos Santos, e a técnica de normalización lingüística, Inma Seage. Tamén estiveron cargos políticos e persoal técnico dos municipios da Baña, A Coruña, Ames, Ferrol, Narón, Nigrán, O Grove, Oleiros, Ourense, Ponteareas, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Sada, Santiago de Compostela, Teo, Vilagarcía e Vimianzo.

O Concello de Rois xa vén colaborando en proxectos conxuntos como Apego, no que participa desde a súa creación, ou o Club de debate. Agora, coa creación da Asemblea de Entidades Locais pola Lingua, búscase “incorporar novas entidades á asociación, sempre que desenvolvan políticas en prol da normalización lingüística e conten no seu organigrama cunha unidade dedicada a executalas”.

O obxectivo da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega será promover a colaboración entre as distintas institucións para lograr unha xestión máis eficaz dos proxectos colaborativos en materia de lingua. Na reunión analizouse un borrador dos estatutos da entidade e os distintos concellos asumiron o compromiso de seguir traballando para constituír formalmente a entidade nos vindeiros meses.