As obras da nova depuradora de Urdilde, que dará servicio ao núcleo urbano da Calle e de Macedos, iniciaranse antes de que remate o presente ano e terá un prazo de execución de oito meses. Así o anunciou este mércores en Rois o delegado da Xunta na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, que visitou a zona onde se vai construír na compaña do alcalde, Ramón Tojo; o xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na corña, José Antonio Álvarez; e varios membros do goberno municipal, entre os que se atopaba o tenente de alcalde, Manolo dos Santos, e os concelleiros Mercedes Basante e Carlos Ares.
Gonzalo Trenor informou de que as obras xa foron licitadas e a Xunta investirá nelas un total de 857.504 euros, o 80 por cento do custo total. O 20 por cento restante será financiado polo Concello de Rois, que asume as xestións para posibilitar os traballos e a recepción, o mantemento e a conservación da infraestrutura unha vez rematada durante polo menos cinco anos.
A nova estación de tratamento de augas residuais de Urdilde localizarase no lugar da Calle e quedará a só 350 metros do punto de verquido, próximo ao regato dos Casteláns. O obxectivo é arranxar as deficiencias actuais na depuración, ademais de mellorar a accesibilidade para poder realizar as operacións de mantemento. No momento no que entre en funcionamento, desmantelarase a depuradora actual.
A instalación licitada agora disporá dun sistema de depuración por por biodiscos con arqueta de chegada; desbaste de dobre canle; pretratamento con tanque de dobre función (recepción e procesamiento), con zona de decantación e de dixestión; tratamento biolóxico e medida de caudal de auga tratado.
Executaranse, ademais, 580 metros de colectores, desde a depuradora actual ata a arqueta de entrada á nova depuradora, e desde a arqueta de saída ata o punto de verquido. Tamén se acondicionará o acceso á infraestructura, que terá piso de cemento.
A maiores de darlle servizo aos 546 habitantes da Calle e de Macedos, a nova depuradora terá capacidade para poder conectarse nun futuro á rede de saneamento, proporcionando tratamento a todas as augas residuais xeradas nesta área. O investimento da Xunta enmárcase no eixe REACT EU do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da respuesta da Unión Europea á pandemia da covid-19.