O alcalde de Rois, Ramón Tojo, visitou esta mañá o Castro Lupario co obxectivo de interesarse polos traballos que estiveron facendo nestas dúas últimas semanas as once persoas mozas que participaron nunha nova edición do campo internacional de voluntariado neste xacemento arqueolóxico. O rexedor puido comprobar in situ como os labores de limpeza e acondicionamento permiten agora circundar as murallas defensivas, a maior das cales chegou a ter ata 4 metros de altura.
Logo, no pazo do Faramello, o rexedor agasallou aos participantes cunha placa do Concello de Rois para agradecerlles a súa contribución a poñer en valor o patrimonio roisense e “para que lembredes a vosa estadía entre nós, nunha contorna que non podemos menos que cualificar de privilexiada e que agardamos que levedes para sempre no corazón”.
Os preto dunha ducia de mozas e mozos que participaron no campo de voluntariado despediranse mañá de Rois logo de realizar prácticas de arqueoloxía e traballos de acondicionamento no Castro Lupario dende o pasado día 8 de agosto. En concreto, limparon de vexetación a parte exterior das murallas e axudaron a talar aquelas árbores que as estaban danando, ademais de facer tarefas de medición ou catalogación, avanzando na revalorización do castro para que máis adiante se poidan desenvolver escavacións da man de profesionais.
A limpeza que os voluntarios realizaron no castro facilita distinguir nestes momentos as dúas liñas de muralla e percorrelas no seu perímetro, incrementando o atractivo para os visitantes pois non hai que esquecer que, con catro metros de altura, o Castro Lupario constitúe un xacemento excepcional e un dos máis relevantes da zona. O seu valor patrimonial e turístico increméntase grazas ás espectaculares vistas que ofrece e á crenza de que se trata do emprazamento no que residiu a lendaria raíña Lupa.
Rico patrimonio arqueolóxico
O arqueólogo David Fernández Abella dirixiu un ano máis os traballos no xacemento, apoiado polas súas colegas Goretti López e Fátima Sánchez. Ademais do Castro Lupario, os participantes no campo documentáronse sobre outras áreas arqueolóxicas de Rois como a necrópole megalítica de Codeso, o xacemento de A Capela, o castro Socastro ou os petróglifos do Monte Pedregal e do Faramello. Este último catalogouse precisamente a raíz do desenvolvemento do campo de voluntariado do ano pasado grazas ás indicacións de veciños de Angueira de Castro.
Os once mozas e mozos participantes no campo de voluntariado, de entre 18 e 25 anos e procedentes de Italia, México, Euskadi, Cantabria, Sevilla, Málaga, Zaragoza, Madrid, Ferrol, A Coruña ou Nigrán, aproveitaron así mesmo as tardes e as fins de semana para coñecer outras lugares de Galicia e da contorna e familiarizarse coas costumes, as tradicións e, por suposto, a gastronomía. Visitaron Santiago e Padrón, O Ézaro e Fisterra, Catoira e Cesures e, como non podía ser menos, a praia de Seira ou o pazo de Faramello en Rois.
Con intereses en diversos campos, como demostran o seus estudos en Deseño téxtil, Medicina, Farmacia, Enxeñería, Económicas ou Filosofía, valoraron moi positivamente o intercambio de coñecementos e amosáronse moi satisfeitos coa experiencia. No acto no que hoxe o alcalde de Rois lles entregou as placas do Concello e os diplomas da Dirección Xeral de Xuventude, que promociona os campos de voluntariado internacional, estiveron tamén presentes o director do campo do Castro Lupario, Xulio Varela, e as dúas monitoras que acompañaron ao grupo durante a súa estadía.