Grandes éxitos de Amipa, terceira en comparsas

Multitudinario Entroido en Rois. Máis de 300 persoas acudiron disfrazadas para participar nun desfile multitudinario que superou todas as previsións, e que optaban aos máis de 1.800 euros en premios que repartiu o concello nas diferentes categorías. Tras representar as súas coreografías nun abarrotado pavillón dos Dices, finalmente o xurado declarou gañadoras as comparsas Cine Avenida (máis de 13 membros), Vou prender as picas (de 4 a 12) e a Banda da Fregona (infantil de 4 a 12 anos).  (Álbum de fotos na páxina de Facebook do Concello de Rois)

Feira do automóbil de 1925 en Pontecesures, 2ª en comparsas

Feira do automóbil do ano 1925 en Pontecesures e os Grandes éxitos de Amipa levaron o segundo e teceiro premio, respectivamente, entre as comparsas de máis de 13 membros. Circus gañou o segundo premio nas comparsas de 4 a 12 membros e Vaiana en Rois na mesma categoría en infantil.

As mariposas Os viaxeiros do Titánic recibiron o segundo e terceiro premio na categoría de parella trío. Os trompos no Camiño Dente de león tamén recolleron premio en metálico en individual ata 12 anos. Nesta categoría tamén recibiron un agasallo O amigo dos paxaros, Fada informativa e Puzle.

De paseo coa avoa foi a gañadora na categoría individual de maiores de 12 anos.

Vaiana, segunda comparsa infantil

O desfile deste ano foi no que máis comparsas e carrozas participaron, un total de 17 das que media ducia achegáronse dende outros municipios. O goberno local quixo recoñecer este ano o esforzo da veciñanza, outorgando unha gratificación de 50 euros para as comparsas locais de ata doce membros e con 100 euros ás compostas por máis de 13 persoas, que se implicaron activamente para darlle colorido a este desfile

A longa comitiva, formada polas 17 carrozas e comparsas, 7 participantes na categoría de parella-trío, e 11 na individual, comezou o desfile diante da casa consistorial para ir cantando e bailando ata o polideportivo municipal dos Dices, que estaba cheo de xente.

O xurado tivo un difícil traballo para valorar as mellores caracterizacións e coreografías.

Ao rematar a entrega de premios o Dúo Reflejos animou a festa, na que diferentes asociacións municipais montaron mesas con produtos típicos do Entroido que compartiron todas as persoas presentes na festa.

O Concello de Rois agradece a colaboración das asociacións do municipio que se implicaron na festa, e a de Protección Civil de Rois, Padrón e Catoira, que colaboraron coa organización.

Sargadelos, unha homenaxe a Vizoso