Visita didáctica das alumnas do programa de emprego Xuventude en acción 2020 Dodro-Padrón_Rois
Visita didáctica das alumnas do programa de emprego Xuventude en acción 2020 Dodro-Padrón_Rois

As alumnas do programa de emprego Xuventude en Acción 2020 Dodro-Padrón-Rois da especialidade de confección e publicación de páxinas web realizaron unha visita didáctica o venres 8 de outubro ó Museo das Peregrinacións e de Santiago e á Biblioteca de Galicia acompañadas do persoal docente, administrativo e a dirección.

Nesta visita as alumnas tiveron ocasión de oir as explicacións da guía sobre a temática da peregrinación como fenómeno universal, a peregrinación xacobea e o camiño de Santiago en todas as súas dimensións e a cidade de Santiago de Compostela en canto meta da peregrinación.

Na Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura puideron ver a exposición Imago Sancti Iacobi acompañadas polo Comisario da exposición que as recibiu para explicarlles a mostra de 40 obras que amosan a evolución da representación do Apóstolo Santiago, do Camiño e de Compostela dende o século IX ata os nosos días. É unha mostra que percorre a historia da iconografía de Galicia.

Actualmente as alumnas/traballadoras que iniciaron o programa de emprego en novembro de 2020 están rematando a páxina web “Coñece Terras de Iria” que forma parte da parte práctica do certificado de profesionalidade Confección e Publicación de Páxinas Web (IFCD0110) e que pronto se dará a coñecer. Versa sobre contidos culturais dos tres Concellos (Rois, Padrón e Dodro) e do Camiño de Santiago.

Este programa de emprego enmárcase dentro do Programa operativo de emprego xuvenil 2014-2020 cofinanciado pola iniciativa de emprego xuvenil e polo Fondo Social Europeo e conveniado cos Concellos de Rois, Padrón e Dodro.