O Pleno da Corporación de Rois aprobou hoxe o regulamento de réxime interno do Punto de atención a infancia (PAI) que está situado en Urdilde, cunha capacidade para atender a 20 nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos. Tamén se aprobou a ordenanza reguladora do prezo público do comedor do PAI. Ambos puntos saíron cos votos a favor do PP e a abastención de PSdeG e BNG.
A proposta do alcalde, Ramón Tojo, a sesión comezou coa Corporación gardando un minuto de silencio polos crímines que hai en Gaza e noutros conflitos armados en todo o mundo.
O Concello de Rois mantén en proceso de licitación a xestión do Punto de atención á infancia, que comezará funcionar este mesmo ano. Para esta primeira matrícula terán preferencia os nenos e nenas que estean empadroados en Rois, xunto cos seus pais ou nais. O empadroamento deberá manterse durante todo o tempo no que as crianzas fagan uso da praza outorgada, segundo recolle o regulamento aprobado hoxe. A prioridade de grado 3 queda reservada para familias non empadroadas en Rois. O Punto de atención á infancia contará cunha praza de emerxencia social, que se ocupará por recomendación dos Servizos Sociais municipais.
O PAI funcionará de setembro a xullo, de 8.00 a 15.30 horas de luns a venres, salvo festivos, e contará con servizo de comedor. Estará pechado en agosto, coincidindo co período vacacional.
Unha vez que comece a funcionar o PAI, nos vindeiros cursos, terán prioridade de grado 1 as renovacións de menores que xa teñan praza e que estean empadroados en Rois xunto cos seus pais e nais. A prioridade de grado 2 serán para novos ingresos de familias empadroadas no municipio, e o grado 3 mantense para familias non empadroadas.
En caso de quedar prazas vacantes admitiranse matrículas fora do prazo fixado polo Concello. Hai que ter en conta que para reservar praza, a nena ou neno ten que ter cumpridos 3 meses (non se admiten reservas de menores que non teña nacido).
O PAI de Rois estará atendido por 3 profesionais, 2 de atención educativa e 1 persoa de apoio.
No regulamento aprobado hoxe no pleno establécense as funcións dos cadro de persoal, normativa de matrícula e de admisión de menores, as normas de alimentación e convivencia, así como os dereitos e obrigas das familias, entre outros aspectos.
No debate, os dous grupos da oposición consideraron que o PAI non debería pechar no mes de agosto. O alcalde, Ramón Tojo, contestoulles que se mantén no PAI o mesmo criterio de funcionamento que na escola infantil, que tamén pecha en agosto
O punto foi aprobado cos votos a favor do equipo de goberno do PP (7) e a abstención do PSdeG (2) e BNG (1).
Prezo do comedor
Na sesión deste venres, a Corporación de Rois aprobou tamén a ordenanza que regula o prezo público polo servizo de comedor do PAI de Rois. O prezo que deberán pagar as familias é o establecido polo Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, no que a Xunta de Galicia fixa o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 anos.
Para o curso 2025-2026, a Xunta establece un prezo polo servizo de comedor que oscila entre a gratuidade e os 74,05 euros mensuais en función da renda familiar. O prezo público por día solto de comedor é de 4,23 euros.
Na ordenanza aprobada hoxe, o Concello de Rois establece bonificacións do 20% para familias numerosas e monoparentais, e para a segunda e sucesivas crianzas dunha mesma familia. Tamén se contemplan exención no pago do comedor para as rendas iguais ou inferiores aos 7.500 euros anuais a partires do segundo fillo, e para as familias acolledoras de menores con medidas administrativas de tutela ou garda.
Este punto foi aprobado cos votos a favor do PP e a abstención de PSdeG e BNG.

















