O Pleno da Corporación de Rois aprobou este venres de xeito definitivo as ordenanzas municipais que regulan os prezos públicos por acudir á Escola Municipal de Música e polo uso da piscina de Senra e do ximnasio e polideportivos municipais. Na sesión ordinaria foron rexeitadas as alegacións presentadas polo que as normativas entrarán en vigor en canto sexan publicadas no Boletín Oficial da Provincia.
O equipo de goberno (PP) rexeitou as alegacións presentadas polo BNG. As ordenanzas contemplan xa descontos para as familias monoparentais, e o BNG pedía que se incluísen as monomarentais. Dende o PP argumentouse que o termo monoparental que recolle a Real Academia xa fai referencia tanto as familias formadas solo polo pai ou pola nai e máis os fillos.
Respecto da outra alegación presentada, o equipo de goberno dixo que as bonificacións en función da renda e da situación sociofamiliar das persoas usuarias faise en base aos informes dos servizos sociais municipais, rexeitando así a alegación para incluír descontos automáticos para aquelas persoas ou familias que estean percibindo rendas básicas (como a Risga ou o ingreso mínimo vital, por exemplo).
No pleno celebrado este 13 de setembro, as alegacións foron rexeitadas cos 7 votos en contra do PP e os 3 a favor da oposición (PSdeG e BNG). A aprobación definitiva destas ordenanzas saíu adiante cos 7 votos a favor do PP e a abstención de PSdeG (2) e BNG (1).
Estas ordenanzas foran aprobadas provisionalmente no pleno celebrado o 12 de xullo e teñen por finalidade actualizar os prezos públicos, para adecuar as tarifas ao custo real dos servizos. As tarifas contempladas nestas ordenanzas entrarán en vigor en canto as memas sexan publicadas no Boletín Oficial da Provincia.
Na sesión de onte tamén quedou rexeitada a moción do PSdeG-PSOE solicitando a bonificación do 90 ou do 95% do IBI das explotacións agrogandeiras de Rois que se atopen en situación de vulnerabilidade.
O goberno do PP rexeitou a medida, que era debatida por terceira ve en pleno dende 2019, alegando que o Concello de Rois xa aplica para o IBI o tipo impositivo máis baixo que permite a lei, que moitas das explotacións xa están en solo rústico, polo que xa tributan menos. Tras recordar que esta medida só beneficiaría as explotacións máis pequenas, indicaron que non se debe favorecer a unha actividade económica sobre outras para evitar agravios comparativos. O alcalde engadiu que o goberno de Rois prefire favorecer estas explotacións mellorando as infraestruturas e servizos das que se poden beneficiar elas e o resto da veciñanza, facilitándolles bos accesos viarios, iluminación ou coa extensión da fibra óptica.
A moción foi rexeitada cos 7 votos en contra do PP, e o apoio do PSdeG e BNG (3).
No último punto da sesión, entre outros asuntos, o BNG preguntou se o Concello estaba tomando medidas para evitar que os madeireiros estraguen as pistas municipais, como unha no Soutullo, ou para que asuman a súa reparación. Ramón Tojo respondeulle asegurando que se está elaborando unha ordenanza que contempla o depósito de fianzas, entre outras medidas, para as empresas que danen os camiños ou pistas municipais os teñan que arranxar.
Dende o PSdeG quixeron saber cal é a postura do goberno de Rois sobre o servizo de recollida do lixo (que fai a Mancomunidade Serra do Barbanza), que prevé unha subida de tarifas e que non está a cumprir co que figura no contrato. O alcalde manifestou o descontento co servizo, que se prevé teña un incremento considerable de custe. “Tivemos unha reunións con eles e estamos a espera de que nos trasladen unha proposta para tomar unha decisión ao respecto”, asegurou Ramón Tojo. “O Concello de Rois é usuario, non é socio da mancomunidade, polo que sempre poremos por riba os intereses da veciñanza de Rois”, asegurou o alcalde.