20190221 ALI0550

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, animou onte a todos os gaiteiros e músicos do mundo a recibir o vindeiro domingo, 24 de febreiro, día do 182 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, tocando a ‘Alborada’. “Unha peza que representa o espertar de todos, o fin da época do silencio, do medo”. Visiblemente emocionado, Angueira considera que, con esta obra “Rosalía quería dicir que chegou o tempo de espertar para Galicia”. Ao acto, celebrado no auditorio de Rois dentro da programación para conmemorar o nacemento da escritora, asistiron máis de medio cento de persoas, que acabaron degustando un caldo de gloria.

20190221 ALI0553Precisamente coa interpretación da ‘Albaroda’, por parte de membros da Escola Municipal de Música de Rois, comezaba onte o acto no que se presentaba o terceiro número da revista de estudos rosalianos ‘Follas Novas’, unha revista de investigación sobre a vida e obra de Rosalía na que colaboran autores de prestixio. A edición deste número está financiada polo Concello de Rois. Angueira agradeceu especialmente ao alcalde, Ramón Tojo, o apoio á fundación. “Cando era deputado provincial, Tojo fixo moitas xestións para que se puidera renovar a casa de Rosalía”, asegurou.

Ramón Tojo recordou na súa intervención que o Concello de Rois sempre está disposto a colaborar con todo o que redunde en beneficio do municipio e da propia comarca. “Rois sempre está a disposición de Terras de Iria e a traballar en conxunto para mellorar a zona”, dixo. Ao mesmo tempo, agradeceu expresamente o traballo que están a desenvolver as responsables dos departamentos de Normalización Lingüística e de Cultura, Inmaculada Seaje e Anayansi Singh para desenvolver todas as actividades que promove o Concello de Rois.

O acto enmárcase na programación que dende a Fundación Rosalía de Castro está a promover para conmemorar esta semana o 182 aniversario do nacemento de Rosalía e que continuará esta fin de semana con diferentes actividades en Padrón.

Manuel Lorenzo Baleirón, que tamén escribe un artigo en Follas Novas, sobre a importancia do cemiterio de Adina na vida e obra de Rosalía, destacou na súa intervención o feito de que entre os presentes houbese máis mulleres que homes.

Despois de que os membros da Escola Municipal de Música de Rois interpretasen o Himno Galego, todos os asistentes puideron degustar un caldo de gloria, unha receita que Rosalía de Castro recolle no seu poema ‘Miña casiña meu lar’, e que nesta ocasión foi preparado por Rosario Rios. Unha cunca de barro serviu de agasallo para as persoas que acudiron a cita, que coincidía tamén coa celebración do Día da Lingua Materna.

Máis fotos no facebook do Concello (preme aquí).