AMIPA, asociación de nais e pais de persoas con discapacidade de referencia na Comarca do Sar, celebrou hoxe, 31 de maio, o acto de entrega do Amipeiro de Honra 2019, na que participaron máis de 60 persoas e na que a homenaxeada foi a empresa STAC S.L.
O Amipeiro de Honra entrégase, dende o ano 2015, a aquelas persoas ou organizacións que contribúen ao desenvolvemento de proxectos de AMIPA.
O acto de recoñecemento e entrega tivo lugar nas instalacións do Centro Ocupacional de AMIPA en Rois. A presentación do mesmo estivo a cargo de 1 persoa usuaria de AMIPA que deu a coñecer ás persoas asistentes a colaboración, ao longo dos últimos 14 anos, de STAC, S.L. como empresa de referencia na comarca especializada en produtos orientados á industria do cerramento. Esta estreita colaboración, permite que as persoas con discapacidade intelectual de AMIPA continúen a desenvolver procesos de formación ocupacional na súa contorna de referencia e nun sector punteiro na comarca.
Nel tamén participou Ramón Tojo Lens, alcalde de Rois, e Antonio Fernández Angueira, alcalde de Padrón, que destacaron o traballo realizado por AMIPA ao longo dos últimos anos e a súa contribución como entidade social na contorna.
José Rodríguez Romero, presidente de AMIPA, agradeceu a implicación da empresa homenaxeada e lembrou que “para seguir desenvolvendo o noso proxecto social no rural, necesitamos seguir contando con esta estreita colaboración da empresa STAC S.L. Sumando forzas, traballamos pola inclusión social das persoas con discapacidade, nunha sociedade máis xusta”.
Recolleu o Amipeiro de Honra 2019, Dolores Seco Orosa, Directora Financieira e de Administración de STAC SL, que agradeceu a oportunidade de traballar man a man con AMIPA dende 2005 ata a actualidade de forma ininterrumpida, sinalando que segue intacto e mesmo incrementado o compromiso inicial da empresa ó respecto da súa responsabilidade social corporativa. Rematou recalcando que ambas organizacións camiñarán xuntas na construción dun mundo máis xusto e solidario, dun mundo mellor.
AMIPA é unha organización sen ánimo de lucro que nace en 1997 na Comarca do Sar coa finalidade de acompañar ás persoas con discapacidade intelectual e as súas familias para acadar a súa inclusión social, cos apoios profesionais precisos.