20180915 ALI5708

Alumnos da Escola Municipal de Música de Rois, da Escola Comprensiva Franca Ongaro e do Liceo Musical de Venecia que están participando en Galicia na segunda parte do intercambio cultural e musical ofrecerán mañá un concerto conxunto no pazo de Antequeira que servira para estreitando lazos entre todos eles. Acompañados por algúns profesores, tanto italianos como galegos, o concerto comezará á 7 da tarde, con acceso gratuíto para toda persoa que queira gozar coa boa música.

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e o director da Escola Municipal de Música, Manuel Villar, acompañaron esta mañá a comitiva italiana, formada por 25 alumnos e 6 profesores, durante a visita que fixeron ao casco antigo de Santiago, para coñecer a catedral, a praza de abastos e a zona vella da cidade.

Os membros da Escola Comprensiva Franca Ongaro e do Liceo Musical de Venecia chegaron onte (venres) ao aeroporto de Lavacolla, onde foron recibidos por varias familias de Rois que no mes de maio viaxaron a Venecia na primeira parte deste intercambio.

Ao igual que ocorreu en Venecia, tanto italianos como galegos ofrecerán dous concertos conxuntos. O primeiro deles será mañá, domingo, no pazo de Antequeira a partir das sete da tarde.

O martes, día 18, ofrecerán outro concerto. Nesta ocasión será no pazo do Faramello, tamén ás sete da tarde, e servirá de colofón a un intercambio promovido e financiado polo Concello de Rois para que os alumnos da Escola Municipal de Música (ESMU) e do OCT Chorima poidan coñecer outras realidades e a forma de estudar música en outros países europeos.

Tras o concerto no pazo do Faramello celebrarase unha cea intercultural, durante a cal actuarán membros do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima. Unha actuación que poñerá o punto e final a dúas semanas de convivencia entre mozos e mozas de ambos os dous países (a primeira delas foi no mes de maio en Venecia).

Pero antes, o concelleiro Manuel Cobas, así como algunhas das familias de Rois, acompañarán á comitiva italiana mañá durante a visita á Casa Museo de Rosalía e ao mercadillo de Padrón. A tarde está reservada para os ensaios e o concerto no pazo de Antequeira.

O luns a comitiva viaxarán ata A Coruña para coñecer o conservatorio, a Torre de Hércules, o castelo de Santo Antón ou casco antigo da cidade. O martes pola mañá coñecerán Corrubedo e, pola tarde, ofrecerán o segundo e último concerto, xunto co alumnado da Escola Municipal de Música de Rois, no pazo do Faramello.