• Unha vintena de nenas e nenos da ESMU e membros do OCT Chorima estarán en Italia dende o 27 ao 1 de xuño

  • Por parte italiana participan o Instituto Comprensivo Franca Ongaro e o Liceo Musical de Venecia

  • Ofrecerán dous concertos conxuntos

  • A iniciativa do Concello xurdiu tras o irmandamento con catro países europeos asinado en novembro

Rois. 22.5-2018. Un grupo de vinte alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Rois, así como unha representación do OCT Chorima, viaxan este domingo a Italia para participar nun intercambio musical e cultural co Instituto Comprensivo Franca Ongaro e co Liceo Musical de Venecia, durante o que realizarán ensaios conxuntos e ofrecerán dous concertos.

Esta iniciativa do Concello de Rois xurdiu tras o irmandamento con catro países europeos asinado o pasado mes de novembro e ten por obxectivos “achegar cultural e musicalmente os estudantes do concello a outras realidades e formas de entender a música e a cultura”, segundo indica o alcalde, Ramón Tojo Lens.

O director do instituto Comprensivo Franca Ongaro, pertencente á escola pública das illas de Lido de Venecia e Pellestrina, Vittore Pechini, estivo a principios deste mes en Rois ultimando os detalles deste intercambio co alcalde, Ramón Tojo, e co tenente alcalde, Manuel dos Santos.

Ramón Tojo destaca a colaboración da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia para levar a cabo esta iniciativa “que supón unha oportunidade excepcional para a nosa xuventude de poder formarse e coñecer outras realidades”. Tojo Lens resalta que, tras o irmandamento con concellos de Italia, Hungría e Eslovaquia, dende a Dirección Xeral de Xuventude “axudáronnos a establecer contactos europeos e poder formalizar este intercambio, e tamén para impulsar o campo de traballo internacional no castro de Socastro”.

Da Escola Municipal de Música de Rois participarán unha vintena de estudantes, que se desprazarán acompañados dalgúns profesores da escola, e media ducia de membros do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima. Durante a súa estadía en Italia poderán coñecer o Instituto Comprensivo Franca Ongaro, no que estudan 75 nenos e nenas de 11 a 14 anos, e tamén o Liceo Musical de Venecia, que ten alumnado de entre 14 e 19 anos.

Ademais de visitar o Museo da Academia (unha das galerías de arte más importantes de Venecia), o teatro da Ópera, a basílica de Venecia ou o Liceo Musical, os alumnos de Rois farán ensaios conxuntos cos seus homólogos italianos para ofrecer dous concertos. Un deles será o mércores, 30 de maio, e, o segundo, o venres 1 de xuño.

O traballo de alumnado e profesorado de Rois incrementouse nas últimas semanas, con máis ensaios para amosar na localidade italiana o traballo que se fai na escola que dirixe Manuel Villar. O pasado sábado, coincidindo coa celebración da feira de artesanía con motivo do San Isidro, os alumnos da Escola de Música de Rois, acompañados polos profesores, ofreceron un concerto moi aplaudido polo público.