Un grupo de dezasete alumnos e alumnas da Escola Municipal de Música de Rois, así como unha representación de alumnado de educación secundaria do CPI Os Dices, viaxarán a Letonia do 12 ao 16 de setembro para participar nun intercambio musical e cultural co Rezekne District no país letón, durante o que realizarán ensaios conxuntos e ofrecerán dous concertos.
Esta iniciativa do Concello xurdiu tras o encontro europeo celebrado en novembro do pasado en Rois no que participaron representantes dos 27 países da Unión Europea. O obxectivo deste intercambio é “crear experiencias vitais no alumnado roisense, así como atopar lugares de encontro culturais e musicais entre as dúas realidades europeas”, segundo indica o alcalde, Ramón Tojo Lens.
A proposta da viaxe a Letonia xurdiu en novembro pasado en Rois, durante o primeiro encontro do proxecto As voces europeas contra o euroescepticismo, promovido polo Concello roisense dentro do programa Europa para a cidadanía. Dende entón, e nas reunións que se celebraron con posterioridade en Malta, Hungría e Grecia, a concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga, e a coordinadora da actividade en Letonia, Inta Rimsane, continuaron traballando para perfilar o programa definitivo deste intercambio que comeza o vindeiro luns en Letonia.
Da Escola Municipal de Música de Rois participará alumnado, a meirande parte de educación primaria, que se desprazarán acompañados de gran parte do equipo de profesorado da escola e do director da mesma, Manuel Villar. Tamén viaxarán ata Rezekne alumnas e alumnos de educación secundaria do CPI Os Dices, acompañados pola profesora de música e actual xefa de estudios do centro Mireia Pamiés, así como pola concelleira de Victoria Quiroga e pola xestora cultural Anayansi Singh.
Ensaios e concerto o sábado día 10
O traballo de alumnado, familias e profesorado de Rois incrementouse dende a pasada semana despois das vacacións de verán, con ensaios dende o pasado vernes ata mañá, mércores, para amosar no distrito letón o labor que se fai na escola e no centro educativo. Como colofón destes ensaios , o alumnado ofrecerá o vindeiro sábado, 10 de setembro, un concerto no que interpretará o mesmo repertorio que van ofrecer en Letonia. Esta actuación celebrarase no auditorio do edifico multiúsos a partir das 12.00 horas e está aberto ao público.
A comitiva roisense viaxará a Rezekne Distric do 12 ao 16 de setembro, para coñecer como traballan nas escolas de música Malta Music School e Vilani Music School, e visitar tanto esta cidade como a capital letona, Riga.
A semana seguinte, do 20 ao 24 de setembro, serán os alumnos de Letonia os que viaxarán a Galicia. Dentro dos actos programados, realizarase un concerto aberto ao público o xoves 22 de setembro ás 18.00 no auditorio municipal de Rois. Ademais, aproveitarase esta estadía para darlle a coñecer ao grupo lugares de interese do concello de Rois e da súa contorna, fomentando realidade local, con previsión de visitas guiadas ao centro ocupacional Amipa, ao Pazo do Faramello, a Padrón, ao litoral galego e a Santiago de Compostela.
En todos os concertos que se realizarán neste proxecto, ademais do repertorio de cada unha das escolas, preparáronse dous temas para tocar conxuntamente: os himnos letón e galego.O de Letonia é o terceiro intercambio musical financiado e promocionado polo Concello de Rois no que participa a Escola de Música Municipal. A primeira experiencia deste tipo tivo lugar en Venecia, entre o 27 de maio e o 1 de xuño de 2018, mentres que en abril de 2019 se celebrou un intercambio coa localidade húngara de Pasztó. En ámbolos dous casos formaron parte da comitiva roisense integrantes do OCT Chorima.