Ata o 15 de setembro queda aberto o prazo de inscrición para anotarse nas distintas actividades culturais e deportivas que oferta o Concello de Rois a escolares e mocidade de cara o vindeiro curso 2021-2022. As clases darán comezo o luns 4 de outubro, cun periodo de proba e de tramitación de baixas que se estenderá ata o día 15 dese mes.

A oferta das escolas deportivas municipais abrangue as modalidades de patinaxe artística, ximnasia rítmica, judo, baloncesto, tenis, atletismo e baile moderno, que se impartirán tanto no polideportivo de Rois coma no de Urdilde. Ademais, desenvolverase xadrez en liña.

O custo das clases será de 50 euros por todo o curso cun día de actividade á semana, agás no caso de judo, que se imparte en dúas xornadas semanais e ten un prezo de 70 euros. Os cursiños de natación, que se desenvolven nas piscinas de Brión de e Padrón, xestiónanos as Anpas.

Oferta de actividades socioculturais

En canto ás actividades socioculturais, a oferta inclúe inglés, arte e creatividade, contacontos, informática, cociña ou teatro. As clases de inglés, que teñen un prezo de 30 euros mensuais, desenvolveranse no Multiúsos de Rois, os mércores e venres; e no CEIP O Pumar, os martes e os xoves, entre as 15.30 e as 19.30 horas dependendo da idade dos participantes. Teatro impartirase os luns no Auditorio municipal de Rois e custa 30 euros por trimestre.

O prezo das demais actividades é de 50 euros por curso. Tamén para Arro-Rois, espazo de encontro para familias con nenas e nenos de entre 0 e 3 anos, que se xuntarán na biblioteca municipal en mércores alternos de 18.30 a 20.00 horas.

Bonificacións

As e os menores que participen nas actividades das escolas deportivas beneficiaranse de distintos descontos atendendo ás disciplinas que cursen, circunstancias familiares e niveis de renda. Así, gozarán dun 25% de desconto na segunda modalide que elixan e sucesivas, no caso de pertencer a familia numerosa ou se a unidade familiar ten unha renda per cápita igua ou inferior ao 75% do IPREM. Tamén se lles rebaixará un 10% aos segundos irmáns e as usuarias e usuarios de familias monoparentais.

Como inscribirse

Para inscribirte podes cubrir o formulario online que tes no seguinte enlace. Unha vez cuberto, o sistema envíacho a túa conta de correo electrónico para que o asines dixitalmente e poidas remitirllo ao Concello dende a propia páxina web.

O día 22 de setembro publicarase o listado provisional e a relación de prazas vacantes e abrirase o prazo de reclamacións.