Cartel das Mañás Entroideiras 2022 do Concello de Rois

O Concello de Rois abre hoxe o prazo de inscrición para as Mañás Entroideiras, un campamento de conciliación dirixido a nenos e nenas escolarizados desde 4º de educación infantil. As actividades celebraranse nos polideportivos de Rois e Urdilde entre o luns 28 de febreiro e o mércores 2 de marzo, coincidindo coas vacacións escolares, dende as 9.30 ata as 14.00 horas, se ben o Concello ofrece un servizo de Amencer a partir das 7.30 h que permite ampliar este horario.

O prezo das Mañás Entroideiras é de 5 euros, que se incrementa noutros 5 euros no caso de apuntarse ao servizo de Amencer. O Concello de Rois contempla bonificacións dun 25% para familias monoparentais, numerosas ou segundo irmán ou irmá participante.

Aquelas familias que estean interesadas en participar neste campamento de conciliación de tres días de duración poderán anotarse a través do formulario en liña dispoñible na páxina web municipal, na sección de xestións e trámites, neste enlace. Pódese solicitar máis información no edificio multiúsos de Rois (981 816 061; ver horario neste enlace) ou enviando un mail a inscricions@rois.gal.