DiverNADALO Concello de Rois presentou a súa programación de conciliación e ocio para as festas de Nadal, que inclúe o Divernadal, con obradoiros e saídas ao cine e á pista de xeo; un concerto da Escola Municipal de Música; a cabalgata dos Reis Magos e un mercado solidario.

O Divernadal busca conciliar a vida laboral e familiar ao tempo que ofrecer un espazo de ocio para os máis pequenos durante as vacacións de inverno. Así, os obradoiros desenvólvense en dúas quendas, a primeira en Rois (do 26 ao 28 de decembro) e a segunda en Urdilde (do 2 ao 4 de xaneiro). En ambos os dous casos, o horario vai das 9.30 ás 14.30 h. Esta actividade vai destinada a nenos e nenas a partir de 4º de Infantil. As inscricións deben realizarse no Concello de Rois ou no edificio multiusos entre o luns 26 de novembro e o luns 10 de decembro.

O prezo do Divernadal é de 20€ por semana sen autobús e 25€ con autobús. A maiores, hai un servizo de amencer que vai das 7.30 ás 9.30 h. e custa 5€ por semana. No que se refire ás saídas, tanto ao cine o 26 de decembro como á pista de xeo o 2 de xaneiro, poden asistir nenos e nenas a partir de 1º de Primaria e valen 10€ cada unha. Aqueles que participen nas dúas quendas do Divernadal beneficiaranse dun desconto (35€ sen bus e 45€ con bus). Tamén se aplicará unha rebaixa nos prezos dun 20% para segundo/a irmán/á, menores con discapacidade, familias nas que os pais estean divorciados e familias numerosas.

O programa cultural abrirase cun concerto de Nadal a cargo do alumnado da Escola Municipal de Música de Rois, que terá lugar o sábado 22 de decembro no auditorio municipal. No que se refire ao mercado solidario, realizarase unha recollida de xoguetes e de libros, que poderán depositarse no Concello, no edificio multiusos e nos centros educativos de Rois do 1 ao 15 de decembro. Por último, a cabalgata dos Reis Magos porá o broche de ouro deste programa festivo o sábado 5 de xaneiro.

Podes descargar a ficha de inscrición no arquivo adxunto para cubrila directamente dende o ordenador e enviala por mail. Tamén a podes imprimir se o desexas.