O Club de Debate Alingua abriu o prazo de inscrición da edición 2026/2027, que permanecerá aberto ata o 20 de novembro. O Concello de Rois anima os centros educativos a formar equipos e agarda que o alumnado do municipio volva participar este curso na iniciativa.
O certame, promovido pola Asociación de Entidades pola Lingua Galega (Alingua), busca fomentar o uso oral do galego entre a mocidade, así como a capacidade de argumentar, escoitar e debater desde o respecto.
Quen pode participar
A convocatoria diríxese ao alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de bacharelato, ou de cursos equivalentes dos ciclos formativos. Cada equipo debe estar formado por entre 4 e 10 estudantes e contar cunha persoa docente que se encargue da súa preparación, asesoramento e representación.
Formación en xaneiro e final en abril
O alumnado inscrito participará en sesións formativas durante o mes de xaneiro. As fases previas celebraranse a finais de febreiro e a final terá lugar en abril de 2027.
Ademais dos debates, o Club ofrece actividades compartidas entre participantes de distintos centros. Na pasada edición reuniu preto de medio milleiro de persoas entre alumnado e profesorado.
Pódese consultar máis información nas redes sociais do Club de Debate Alingua: Facebook e Instagram.

















