O Concello de Rois continúa avanzando na mellora da súa rede viaria rural coa colaboración da Xunta de Galicia. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visitou este venres o municipio para comprobar o resultado das obras de acondicionamento da vía que comunica os núcleos de Seaxe e Francelos.
Por parte do Concello de Rois participaron na visita o alcalde, Ramón Tojo, os concelleiros Manuel Cobas e Iván Fernández, e Miguel Díaz, que acompañaron a conselleira e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, no percorrido pola vía acondicionada.
A actuación entre Seaxe e Francelos contou cun investimento de algo máis de 160.000 euros da Consellería do Medio Rural e permitiu acondicionar un treito de 1,85 quilómetros. Os traballos incluíron o asfaltado da vía, a limpeza de cunetas e a instalación de nova sinalización, entre outras melloras.
Máis de 127.000 euros do Plan Camiña Rural
Ao investimento realizado na vía entre Seaxe e Francelos súmanse máis de 127.000 euros concedidos ao Concello de Rois nas últimas convocatorias do Plan Camiña Rural. Deste xeito, os investimentos destinados á mellora das infraestruturas rurais do municipio achéganse aos 290.000 euros.
Este programa da Xunta subvenciona actuacións de ampliación e mellora de camiños que forman parte da rede viaria de acceso aos núcleos de poboación.

















