• O Goberno galego destina 24.000 euros á ampliación do abastecemento en varios núcleos de Rois

  • A directora xeral de Administración Local destaca a importancia da colaboración entre a Xunta e os concellos

 

20201019 Visita DXAdministracionLocal 02A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou as obras que a Xunta de Galicia está a financiar no municipio de Rois por un importe superior aos 54.000 euros, destinadas á mellora da área recreativa de Oín e á ampliación da rede de abastecemento no municipio.

Acompañada polo alcalde, Ramón Tojo, e polo concelleiro Manuel Cobas, Prieto Viso, visitou a área recreativa de Oín, que conta cun investimento de 30.600 euros con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental. Con esta actuación estase a recuperar o lavadoiro de Barro, ao tempo que se adecúa o entorno da área recreativa de Oín coa limpeza dos muros e co cambio do pavimento actual. Ademais, prevese a colocación de luminarias, mesas de picnic e un valo de madeira, co obxectivo de convertela nunha zona de atractivo turístico e para atraer poboación.

O alcalde explicoulle polo miúdo a Natalia Prieto as actuacións que financia a Xunta nesta zona e despois visitaron tamén as obras de abastecemento de auga de Castro a Barro. O Goberno galego destinou este exercicio outros 24.000 euros á ampliación do abastecemento en varios núcleos de Rois, tamén ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental.

Durante a visita, a directora xeral de Administración Local destacou a importancia da colaboración entre as administracións para levar a cabo actuacións dirixidas a mellorar os servizos municipais e a calidade de vida dos veciños. Ademais, sinalou o apoio do Goberno galego aos concellos a través de distintas liñas de subvencións e convenios, que na actualidade adquiren máis relevancia tendo en conta as consecuencias económicas da crise sanitaria do coronavirus.

A Administración autonómica vén colaborando co concello de Rois nos últimos anos en melloras no saneamento e abastecemento de distintos núcleos do municipio, en actuacións de eficiencia enerxética no alumeado público, na adquisición de maquinaria para labores ambientais ou na instalación de novos pavimentos en vías e infraestruturas públicas. Ademais, destaca a colaboración do concello en proxectos conxuntos con outras entidades locais. A Xunta colaborou en todas estas iniciativas nos últimos anos cun investimento de case 579.000 euros, tanto mediante o Fondo de Compensación Ambiental como da Orde de infraestruturas de uso publico.