A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por 819.030 euros a execución das obras da nova estación depuradora de augas residuais da parroquia de Urdilde, no concello de Rois.
Esta actuación, adxudicada á empresa Proyecon Galicia, S.A., mellorará o saneamento do municipio e dará servizo municipal ao núcleo urbano da Calle e ao núcleo e Macedos. Os traballos contan cun prazo de execución de 8 meses.
Con esta intervención, a Xunta responde á solicitude trasladada polo Concello para arranxar as deficiencias do sistema de depuración do núcleo urbano de Urdilde, con carencias no deficiente funcionamento da depuradora, na accesibilidade para poder realizar as operacións de mantemento e na distancia ata o punto de vertido, próximo ao rego dos Casteláns, a 350 metros.
A obra garante o cumprimento dos obxectivos de vertedura ao medio receptor, dimensionando a depuradora para a conexión futura de toda a parroquia á rede de saneamento, de tal modo que a depuradora proporcione tratamento á totalidade das augas residuais producidas na área.
A nova depuradora de Urdilde non só terá capacidade para tratar as augas de 546 habitantes equivalentes do núcleo urbano da Calle e de Macedos, senón que estará dimensionada para a conexión futura de toda a parroquia á rede de saneamento.
Estas actuacións enmárcase no convenio de colaboración asinado co Concello de Rois, polo que a Xunta achegará o 80% do investimento e executará as obras; e a administración local financiará o 20% restante e asumirá as xestións para posibilitar os traballos, a recepción, mantemento e conservación da infraestrutura hidráulica unha vez realizada a obra.
As obras contarán coa financiación da Unión Europea, no marco do eixe REACT UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19.