O Concello de Rois pon en marcha unha nova edición da súa tradicional viaxe de maiores que neste ano 2025 terá como destino o Algarve. A actividade, dirixida a persoas pensionistas, está xa consolidada no calendario municipal e é unha das máis esperadas pola veciñanza cada ano.
A excursión terá unha duración de sete días e seis noites, con saída o domingo 23 de marzo e chegada o sábado 29 de marzo de 2025.
O prezo da viaxe é de 420 euros por persoa, que poderá aboarse mediante ingreso na conta de ABANCA ES64 2080 0328 9631 1000 0060 ou con tarxeta nas oficinas municipais.
A actividade inclúe transporte en autobús e aloxamento en hotel de catro estrelas con pensión completa. Durante a estadía, os participantes visitarán algúns dos destinos máis emblemáticos do Algarve, como Quarteira, Tavira, Faro, Portimao, Lagos, Sagres e Cabo de San Vicente.
Como en anos anteriores, os asistentes estarán acompañados por guías especializados e persoal do Concello de Rois, garantindo unha experiencia segura e enriquecedora. Ademais, tanto na ida como na volta, realizarase unha parada para xantar, incluída no prezo da viaxe.
Para poder inscribirse, será necesario cumprir os seguintes requisitos: estar empadroado no Concello de Rois; ser pensionista de xubilación do Sistema Público Español de Pensións, de viuvez ou invalidez con 55 anos feitos, ou ser titular ou beneficiario do Sistema da Seguridade Social con 65 anos feitos; e valerse en por si.
As persoas interesadas poderán inscribirse dende o xoves 27 de febreiro ata o mércores 5 de marzo, ambos os dous incluídos, de forma presencial no departamento de Servizos Sociais, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
No momento da inscrición será obrigatorio presentar o DNI, a Tarxeta Sanitaria Europea, e o xustificante de pagamento (agás quen realice o pago con tarxeta no Concello).
Dado que as prazas son limitadas, a asignación realizarase por rigorosa orde de inscrición.
O bando con toda a información pode consultarse no documento adxunto.