Xurado do Concurso de Tarxetas de Nadal 2025

A tarxeta realizada por Alice Cardama Vigo, alumna de cuarto curso de Educación Primaria do CPI Os Dices de Rois, foi elixida como imaxe da felicitación institucional de Nadal do Concello de Rois. Así o decidiu o xurado do Concurso de Tarxetas de Nadal 2025 na reunión celebrada este luns, 15 de decembro.

O tribunal estivo formado por Uxía Pérez Pose, en representación do persoal municipal; Clemen Ríos Moreiras, como representante do profesorado; e Laura Vidal Bralo, en representación das ANPA do concello.

Na categoría dirixida ao alumnado de primeiro a terceiro de Educación Infantil, o premio recaeu no alumnado da Galiña Azul de Rois. No grupo de cuarto a sexto de Educación Infantil resultou premiada Noelia Mariño Rodríguez, alumna de sexto curso do CPI Os Dices de Rois.

No apartado correspondente a primeiro e segundo de Educación Primaria, o xurado recoñeceu o traballo de Anxo Fabeiro Domínguez, de segundo curso do CPI Os Dices de Rois. Na categoría de terceiro e cuarto de Primaria foi premiada a tarxeta presentada por Alice Cardama Vigo, que ademais foi elixida como felicitación institucional; mentres que na de quinto e sexto de Primaria o galardón foi para Emma Bralo Pérez, alumna de sexto do mesmo centro educativo.

O concurso incluíu tamén unha categoría de alumnado coa colaboración de persoas adultas, na que resultou gañador Joel Caravaca Castro, de cuarto de Educación Infantil.