Xornada de fútbol con estreo dobre en Rois. A Segunda Galicia grupo A de Santiago arrancaba tempada no campo de fútbol municipal do Pino co partido entre a SD Urdilde e o Cacheiras, que serviu tamén para estrear o novo terreo de xogo de herba artificial do equipo local, que acabou gañando o partido grazas a un gol de penalti de Borja. O alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, facía o saque de honra deste encontro que marca unha efeméride para un club modesto con trinta e un anos de historia como a SD Urdilde.
O Concello de Rois fixo un investimento duns 350.000 euros para colocar céspede artificial no campo municipal do Pino, que lle vai permitir á SD Urdilde gozar dunhas excelentes instalacións na presente tempada de liga. Agora, dende o goberno local estase a traballar para cambiar a iluminación destas instalacións e poñer luces led, o que permitiría un considerable aforro enerxético.
Antes de empezar este primeiro encontro da temporada, o presidenta da SD Urdilde, Iván Uzal, entregáballe unha placa ao alcalde en recoñecemento polo apoio que o concello lle está a dar ao club. O capitán entregoulle unha camiseta co nome do alcalde. Tamén se gardou un minuto en silencio en memoria dos socios e de todas as vítimas da pandemia da covid-19
O equipo da SD Urdilde que estreou o novo campo de fútbol do Pino estaba formado por Bahía, Alex, Curro, Lucas, Coqui, Jota, Grela, Adrián, Pablo, Lucho e Mateo. Despois de ano e medio de parón por mor da covid-19, esta tarde foron moitos os afeccionados da SD Urdilde e do Cacheiras que presenciaron o encontro en directo.