Agua potable, vaso grifo en Rois

A rede de abastecemento de auga potable de Rois tivo un rendemento hidráulico durante o ano 2021 do 79,98%, polo que só rexistrou un 20,02% de perda de auga. Estes datos supoñen que a traída de Rois ten unha eficiencia moi superior a media dos concellos galegos  de entre 2.000 e 10.000 habitantes, nos que a perda de auga está de media nun 44%.

O alcalde acaba de facer público os datos da auditoría de control de fugas na rede de traída de augas do municipio, na que se puxo de manifesto que as perdas representan só un 20,02%, o que ven corroborar que o mantemento da rede é axeitado.

Deste xeito, o Concello de Rois da cumprimento ao requirimento de Augas de Galicia para facer pública a porcentaxe de perda na rede de abastecemento de auga potable.

En Galicia a media de perda de auga por un mal mantemento da rede de abastecemento é dun 44% do volume total. Nos concellos con menos de 2.000 habitantes estas perdas chegan ata o 61%, mentres que nos concellos de entre 2.000 e 10.000 habitantes (categoría na que se atopa Rois) a perda situase nunha media do 44%, reducíndose ata o 29% no caso de concellos de máis de 100.000 habitantes, segundo se fixo público esta verán nos medios de comunicación.