As altas temperaturas rexistradas esta semana, especialmente o martes e o mércores, propiciaron que as instalacións da piscina municipal da Senra (Augasantas-Rois) batesen récord de asistencia superando os cen usuarios en cada unha das xornadas. Dende o pasado sábado, 10 de xullo, o incremento das persoas usuarios foi notable, pasando das 48 rexistradas nesa xornada, ás 54 o domingo, 59 o luns e 107 o martes.
A piscina municipal da Senra mantén o seu horario de apertura ata o 15 de agosto de 16.00 a 21.00 horas, e do 16 de agosto ao 4 de setembro, de 16.00 a 20.30 horas. A entrada ás instalacións é de carácter gratuíto.
Ademais destas instalacións, veciñanza e visitantes tamén acoden á praia fluvial de Seira para buscar un lugar onde refrescarse e mergullarse nas augas claras e frescas do río Rois. Este entorno natural é unha boa opción nos días de verán cando a calor aperta. A praia fluvial de Seira conta con auga de calidade óptima para o baño, segundo a Xunta e, ademais das zonas verdes, de baño e de pesca, conta con zona de aparcamento e cunha área de descanso, con mesa e bancos.