O Concello de Rois abrirá o 1 de xullo a piscina municipal de Senra, dando inicio a unha nova tempada de verán que se prolongará ata o 31 de agosto. As instalacións volverán ofrecer unha alternativa de ocio, deporte e lecer para a veciñanza durante os meses máis calorosos do ano.
Como principal novidade desta campaña, o Concello implantará un novo sistema de acceso mediante ficha electrónica, que permitirá unha entrada máis cómoda e áxil ás instalacións.
A piscina contará con dous horarios diferentes ao longo do verán. Entre o 1 de xullo e o 15 de agosto abrirá de 16.00 a 21.00 horas, mentres que do 16 ao 31 de agosto o horario será de 16.00 a 20.30 horas.
En canto ás tarifas, os menores de ata 4 anos poderán acceder gratuitamente. Para os nenos e mozos de 5 a 17 anos, o prezo será de 1 euro ao día ou 12 euros o abono de tempada. As persoas de 18 anos ou máis deberán abonar 2 euros por día ou 25 euros polo abono de tempada. Ademais, establécese un abono familiar de 37 euros para toda a tempada.
O Concello tamén aplicará un desconto do 15 % nos carnés de tempada destinados a familias numerosas, familias monoparentais ou aquelas que conten con algún membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %.
Solicitude dos carnés
As persoas interesadas en obter a ficha de acceso poderán tramitar a súa solicitude enviando un correo electrónico a inscricions@rois.gal a partir do 1 de xuño, indicando o nome, apelidos, DNI, data de nacemento e enderezo das persoas solicitantes xunto co xustificante do ingreso correspondente no número de conta: ES64 2080 0328 9631 1000 0060
A recollida realizarase a partir do 22 de xuño no multiusos de Rois.
Para máis información ou para tramitar os carnés, a veciñanza pode dirixirse ao multiusos de Rois, escribir ao correo inscricions@rois.gal ou chamar ao teléfono 981 816 061.
Desde o Concello de Rois destacan que a piscina municipal de Senra continúa sendo un dos espazos de referencia do verán no municipio, ofrecendo unha proposta accesible para todas as idades e fomentando hábitos de vida saudables, a convivencia e o desfrute do tempo libre durante a época estival.

















