Cartel dos intercambios xuvenís promovidos polo Concello de Rois en Venecia e en Xeorxia

O Concello de Rois abre o prazo para que as persoas de entre 18 e 30 anos poidan inscribirse en senllos intercambios xuvenís en Venecia e en Xeorxia. O prazo permanecerá aberto dende o martes 22 ata o xoves 24 de abril. As mozas e os mozos interesados en participar deberán pasarse polas oficinas do Concello (entre as 9.00 e as 14.00 horas) ou solicitar praza a través da sede electrónica (https:/sede.rois.gal).

No marco do programa Viaxa con Rois, o goberno municipal impulsa este ano dous novos intercambios culturais internacionais para a mocidade roisense. O primeiro, que se desenvolverá entre o 24 de xuño e o 1 de xullo, levará dez persoas a Venecia para compartir experiencias con outra xente nova da escola técnica profesional IIS Vendramin Corner e ten un custo de 250 euros.

Este intercambio dálle continuidade ao realizado en agosto do ano pasado grazas a un convenio de cooperación asinado polo alcalde de Rois, Ramón Tojo, e o director da escola veneciana, Michelangelo Lamonica. Nel participaron oito mozas e mozos roisenses xunto a outros grupos de Italia, Portugal, España e Xeorxia.

Precisamente este último país, Xeorxia, será o destino do segundo intercambio que organiza este ano o Concello de Rois e que se levará a cabo entre o 8 e o 15 de xullo co Centro de Lengua y Cultura Española CARMEN, con sede en Tiblisi. O prezo é de 350 euros.

As viaxes inclúen transporte, aloxamento, pensión completa, programa de actividades e seguro de viaxe. As persoas interesadas en participar deben facer constar na súa solicitude onde queren ir e, no caso de ter interese nos dous destinos, indicar orde de preferencia. No caso de que as solicitudes superen as prazas ofertadas, realizarase un sorteo público o venres 25 de abril ás 10.00 horas no salón de plenos do Concello de Rois. No caso de elixir Venecia, terán preferencia neste sorteo as mozas e os mozos que o ano pasado quedaron na reserva.

Forte pulo ás experiencias internacionais

Os intercambios deste verán con Venecia e Xeorxia teñen como obxectivo ofrecerlle á mocidade do municipio a oportunidade de coñecer outras culturas e fomentar lazos de cooperación con outros países para construír unha Unión Europea máis forte e unida, ademais de facilitarlle ferramentas que lle axuden no seu desenvolvemento persoal e profesional.

Hai que subliñar que estes acordos bilaterais entre Rois e as institucións culturais veneciana e xeorxiana únense ás  diversas accións de intercambio intercultural que Rois vén promovendo nos últimos anos, entre elas as viaxes do alumnado da Escola de Música Municipal a Italia, Letonia ou Portugal; a participación no programa  Europe for citizen grazas ao proxecto ‘Voces europeas desafían o euroescepticismo’; ou os campamentos internacionais de verán no Castro Lupario.