Cartel de Outono Xove. Concello de Rois

As persoas mozas de entre 14 e 30 anos poden solicitar xa praza para participar en Outono Xove, unha iniciativa de lecer da Xunta de Galicia que oferta oito programas para desfrutar noutros tantos albergues e campamentos xuvenís durante as fins de semana de outubro, novembro e decembro. O prezo xeral é de 25 euros (18,75€ no caso de familia numerosa, monoparental ou de posuír o Carné xove) e inclúe aloxamento, comidas e actividades.

Os programas comprenden diferentes temáticas ao redor das cales xiran as actividades que os participantes poderán desenvolver ao longo da fin de semana, dende a tarde do venres ao domingo ao mediodía. Tecnoloxía, creación audiviosual, o Camiño de Santiago ou a cultura mariña son algúns dos eixes. En canto ás instalacións, Outono Xove desenvólvese nos albergues e campamentos xuvenís de Gandarío (Sada), Mariña Española de Sada, As Sinas (Vilanova de Arousa), Pontemaril (Forcarei), Portomarín, Lugo e A Devesa (Ribadeo), ademais de na Residencia de Tempo Libre de Carballiño. Cada un deles acollerá sete quendas entre os meses de outubro e decembro.

As inscricións realizaranse de xeito virtual cubrindo o formulario que corresponda segundo o tramo de idade ao que pertenza, un que vai de 14 a 17 anos e outro de 18 a 30 anos. Cada moza ou mozo só poderá solicitar unha quenda e as prazas outorgaranse por orde de entrada dos formularios. Deben adxuntar tamén cuberta a declaración responsable pola covid e a de autorización de imaxes.

Máis información e formularios de inscrición no seguinte enlace: http://xuventude.xunta.es/component/k2/item/21757-outono-xove-2021