O Teatro Principal de Santiago acolle este sábado 17 de febreiro, a partir das 20.00 horas, a cerimonia de entrega dos Premio Youtubeiras 2023. A gala deste proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos, incluído o de Rois, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña, procurará reivindicar o galego como un fogar integrador e diverso para a comunidade creadora de contidos na Rede.

O acto contará coa condución de Nuria Vil e Gabri Fuentes e coa actuación musical de Mondra tal e como se adiantou na rolda de prensa de presentación celebrada esta mañá coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; a deputada de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación, Soledad Agra, e Nuria Vilán Prado (coñecida co nome artístico de Nuria Vil) quen se encargou de explicar os detalles da gala.

O evento terá espazo para o humor e para transmitir con rigor asuntos serios ao redor da lingua, da creación de contidos, das relacións interpersoais e tamén das redes sociais, un espazo que debe xerar sinerxías, afectos e debates, pero que en demasiadas ocasións se converte nun lugar virtual hostil. Nesta liña, a gala dos Premios Youtubeiras porá sobre o escenario proximidade e reflexión para remarcar o significado do lema que os galardóns asumen nesta edición: Rede aberta, Rede diversa!

Na gala brindaráselles protagonismo aos conceptos de fogar e de seguridade a través do trato próximo que quere empregar o equipo artístico da gala e tamén mediante a simboloxía. Neste senso, para introducir cada unha das categorías emprégase como elemento de escenografía diferentes obxectos evocadores que manteñen relación coa creación de contidos para soportes visuais. Obxectos que, sen dúbida, serán, ben recoñecibles para a comunidade youtubeira.

Gala gratuíta e retirada de convites

O acceso a gala dos Premios Youtubeiras 2023 será de balde, mais cómpre retirar os convites previamente. Os puntos de distribución serán físicos:  a Zona C (rúa Preguntoiro, 1, xusto na entrada á praza de Cervantes) no seu horario habitual (dende hoxe martes até o sábado, de 11.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h) e o despacho de billetes do Teatro Principal dende unha hora antes do inicio da gala (dende as 19.00 h).

Un total de 18 propostas finalistas foron escollidas polo xurado de entre as 68 canles que se inscribiron para concorrer á edición de 2023 dos Premios. A elas hai que sumarlle os 24 vídeos propostos pola audiencia dixital para disputar o Premio do Público. Os vídeos no seu conxunto, publicados entre novembro de 2022 e novembro de 2023 nas diferentes canles, superan os 32.480 novos minutos en galego subidos ao YouTube.

As persoas finalistas aspiran a gañar algunha das oito categorías nas que se divide o certame nesta edición: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e Premio do Público. A proposta gañadora en cada categoría recibirá 1000 euros, agás no caso do galardón decidido polo público, cuxa dotación económica é de 500 euros. En total, os Premios Youtubeiras repartirán 7500 euros.