Nenos e maiores que teñan afección pola música xa se poden matricular na Escola Municipal de Música (ESMU) de Rois ata o vindeiro 28 de xuño para recibir formación en diferentes instrumentos, linguaxe musical e música e movemento o vindeiro curso 2019-2020. A partir de 15 euros ao mes pódese formar parte dunha escola que programa numerosas actividades durante todo o curso escolar, con concertos didácticos e intercambios con outras escolas, algúns deles internacionais.
A Escola Municipal de Música de Rois admite alumnos a partir dos tres anos ata adultos de calquera idade. Entre os 3 e 8 anos, nenos e nenas poden participar nas clases de música e movemento, para comezar xa con algún instrumento a partir desta idade.
Linguaxe musical, frauta, oboe, fagot, clarinete, saxofón, trompeta, trompa, trombón, tuba, violín, viola, violonchelo, contrabaixo, acordeón, guitarra, baixo eléctrico, piano, percusión, batería e canto son os instrumentos e especialidades que ofrece a ESMU, que no pasado curso contou con máis de 70 alumnos e alumnas.
As persoas interesadas deberán cubrir o formularion de matrícula que se atopa na arquivo adxunto (e tamén neste enlace), facer o pagamento no banco e entregar a documentación, xunto con dúas fotografías e copia do DNI ou libro de familia nas oficinas do concello. Os prezos oscilan entre os 15 euros mensuais para música e movemento, e os 40 euros ao mes por clases dun instrumento, linguaxe musical e grupo instrumental.
Tamén se contemplan descontos polo pago anual, matricularse en máis dunha actividade ou se varios membros dunha mesma familia acoden á Escola de Música.
O prazo para presentar toda a documentación remata o 28 de xuño.
Na ESMU de Rois preparan tamén ao alumnado para facer o exame de ingreso no conservatorio de grado profesional, intercambios musicais con outras escolas e algúns deles internacionais, e concertos durante todo o ano, ademais de concertos didácticos.
Nos dous últimos anos, alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Rois participaron nun intercambio en Venecia coa Escola Comprensiva Franca Ongao e o Liceo Musical de Venecia (en maio de 2018 puideron coñecer a cidade italiana), e, en abril deste mesmo ano, participaron noutro intercambio en Hungría, na localidade de Pasztó. En ambos casos estiveron acompañados por representantes do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima.