A Escola Municipal de Música de Rois (ESMU) está a completar os últimos ensaios do repertorio que interpretará na súa segunda viaxe a Letonia durante o festival e nos actos organizados con motivo do Día do Condado de Rezekne que se celebra o vindeiro 22 de xullo.
Antes da viaxe, os compoñentes da Escola ofrecerán no Auditorio municipal un concerto á veciñanza coas pezas que tocarán en Letonia. Este recital comezará ás 19.00 horas deste venres 14 de xullo.
A delegación roisense foi invitada expresamente polas autoridades do distrito letón de Rezekne durante o intercambio musical que fixeron o ano pasado a ESMU de Rois e as escolas de música de Malta e Vilani.
O grupo, formado por 27 persoas, iniciará a viaxe o 17 de xullo para regresar o día 24 despois de ofrecer varios concertos. A comitiva estará encabezada pola concelleira Victoria Quiroga e o director da ESMU de Rois, Manuel Villar, e forma parte da mesma alumnado e profesorado da escola de música, alumnado do CPPI dos Dices e técnicos do concello.
Durante a súa estadía no distrito de Rezekne (situado a 240 quilómetros ao noroeste de Riga, a capital de Letonia), a Escola de Música de Rois vai ofrecer catro concertos. Os dous primeiros serán o día 20, cando actuará pola mañá na Escola de Música de Malta (que xa visitou en setembro pasado) e máis na casa de cultura de Vilani. Ao día seguinte, trasladaranse ata Nautreni, onde ofrecerán o segundo concerto.
O 22 de xullo celébrase o Día do Condado de Rezekne, que este ano vaise conmemorar no val de Ancupanu, cun moitas actividades para público de todas as idades. Pola tarde, a Escola de Música de Rois ofrecerá outra actuación.
A iniciativa do intercambio entre as escolas de música de Rois e as de Vilani e Malta (Letonia) que se celebrou o ano pasado xurdiu tras a reunión que celebraron en novembro de 2021 en Rois representantes dos 27 países da Unión Europea dentro do proxecto liderado polo concello As voces europeas contra o euroescepticismo.
En setembro do ano pasado, unha delegación da ESMU viaxou a Letonia e, a semana seguinte, foi a delegación letoa a que veu coñecer Rois. Foi durante a recepción oficial no Concello cando os directores das escolas de música de Malta e Vilani, Normands Stekelis e Inta Brence, cursaron a invitación.
Esta é a cuarta viaxe internacional que fai o alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Rois. A primeira experiencia tivo lugar en Venecia, entre o 27 de maio e o 1 de xuño de 2018, mentres que en abril de 2019 celebrouse un intercambio coa localidade húngara de Pasztó. En ámbolos dous casos formaron parte da comitiva roisense integrantes do OCT Chorima. O de Letonia en 2022 foi o terceiro intercambio musical financiado e promocionado polo Concello de Rois no que participou a ESMU, que nesa ocasión estivo acompañada tamén por alumnado do CPPI dos Dices.