A Escola Municipal de Música de Rois continúa coa súa actividade, pese á complicada situación actual por causa da epidemia de COVID-19. A través do correo electrónico ou de videochamada, profesores e alumnos seguen en contacto, mantendo as clases do mellor xeito que é posible nestas circunstancias.
Trátase, segundo explica o director da ESMU, Manuel Villar, de “manter activo ao alumnado, pero sen saturalo”. Así, as clases de instrumento individuais procuran manterse durante as mesmas horas fixadas no curso normal. A través de videochamadas, o profesorado dálles pautas aos alumnos e alumnas e consellos a seguir. Despois, os rapaces e rapazas gravan os seus exercicios e compártenos para que desde o claustro se lles poida facer seguimento.
No caso das aulas de linguaxe musical, destinadas ao alumnado de menor idade, envíanse exercicios por correo electrónico, poñéndose de acordo coas familias.
Segundo explica Villar, a receptividade “é moi boa, sobre todo por parte do alumnado adolescente, que é o máis activo”. Desde a dirección da ESMU de Rois son conscientes de que “hai familias que teñen dificultades para acceder ás novas tecnoloxías e, en consecuencia, aos cursos”. Nos casos nos que o ancho de banda non permite as clases online, búscanse medios alternativos, como envíos de material por mail.
Na canle de YouTube do Concello de Rois pode accederse a unha montaxe en vídeo dos ensaios do alumnado, que demostra como a música axuda a levantar o ánimo e manterse activo neste tempo de confinamento.