O concerto da Escola Municipal de Música de Rois, na que o alumnado e profesorado remataron cantando os himnos húngaro e galego, emocionou onte o público presente no multiúsos e serviu para clausurar o intercambio internacional entre Pásztó e Rois, tras a visita de cinco días da delegación húngara. Escoitar o coro de menores e adultos interpretar o himno de Hungría provocou moitos aplausos e algunha que outra bágoa entre a comitiva visitante.
O alcalde de Pásztó, Attila Farkas, encabezou a delegación de 26 persoas que se desprazaron dende Hungría para coñece a realidade socioeconómica de Rois. Tras visitar onte pola mañá a Granxa Varela, Aluminios Cortizo e o campo de golf Val de Rois, pola tarde, tras a presentación de Ramón Tojo, desenvolveuse unha xornada de traballo no auditorio municipal na que se abordaron as realidades socioeconómicas e os puntos en común entre ambos os dous concellos.
O alcalde volveu destacar na súa intervención que coñecer as diferentes realidades entre Rois e Pásztó axuda a fomentar a tolerancia e a colaboración entre ambos pobos. “A colaboración e o traballo en común é fundamental para construír unha Europa máis forte e un futuro mellor”.
A profesora roisense Pilar Freire analizou como evolucionou a demografía e o tecido empresarial nun concello rural como Rois, e destacou aspectos positivos que a fan ser optimista de cara ao futuro, ao indicar que ata a chegada da pandemia o número neto de empresas creadas en Rois foi medrando ano a ano.
Attilla Farkas, na súa intervención, analizou a historia común de España e Hungría dende a Idade Media ata hoxe, e recordou como xa no século XII o culto xacobeo xa era frecuente no seu país, onde moitas igrexas foron consagradas en honor a Santiago. A relación entre os reis de Hungría e os diferentes monarcas de Aragón e Castela foi habitual nos séculos seguintes. Entre outros aspectos, Farkas falou tamén da presenza de xogadores húngaros durante a segunda metade do século XX na liga española, como Kubala, Puaskás, Kocsis ou Czibor.
As intervencións da avogada Erika Nagy e a directora do centro cultural de Pásztó, Tünde Vaczi, versaron sobre o papel social da muller en Hungría; e a de Fernando Rodríguez, técnico da Xunta, sobre os programas da Unión Europea que fomentan o intercambio entre persoas dos diferentes países. Estas conferencias serviron para concluír a reunión de traballo, antes do concerto da Escola Municipal de Música. A delegación húngara regresou esta mañá a Pásztó.