Rois volveu deixar moi alto o listón musical galego no seu terceiro intercambio internacional. O alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música e do CPPI Os Dices sorprendeu ao público e autoridades da rexión de Rezekne e das localidades de Malta e Vilani (Letonia) cando o xoves remataron a súa actuación interpretando e cantando o himno letón, un xesto que agradeceron con aplausos todos os presentes. No concerto da tarde, os directores das escolas de música de Malta e Vilani, Normando Stekelis e Inta Brence, repectivamente, sumáronse ao coro de Rois para cantalo.
A comitiva rematou a viaxe a Letonia o venres pola noite, despois de coñecer algúns dos puntos máis emblemáticos de Riga o xoves pola tarde. A ópera nacional, a catedral, a praza do Concello, ou monumento á liberdade foron algúns dos lugares que puideron percorrer durante a súa estadía na capital letona.
Tanto alumnos e alumnas, como o profesorado que participou nesta viaxe regresaba o venres a casa coa satisfacción de ter feito dúas grandes interpretacións nos dous concertos ofrecidos o xoves. A concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, díxolles que “estaba moi orgullosa das súas actuacións”, que fixeron saír máis dunha bágoa entre os asistentes, “e da súa implicacións neste proxecto”.
Concerto, o xoves ás 18.00 coa delegación de Letonia
Agora, o Concello de Rois o as persoas participantes nesta viaxe agardan a visita da comitiva da rexión de Rezenke Distrit, integrada por 14 representantes das escola de música de Malta e Vilani, que chegarán o martes a Rois. Durante a súa estadía en Galicia, e ademais do Concello, o pazo do Faramello ou a Asociación Amipa, visitarán Santiago, Noia e Padrón.
O xoves, as dúas agrupacións (a roisense e a letona) ofrecerán un concerto conxunto no auditorio do multiúsos de Rois, a partir das 18.00 horas. A entrada ao auditorio sería libre ata completar aforo.
O Concello de Rois agradece a colaboración do director da Escola Municipal de Música, Manuel Villar, e de todo o profesorado, en especial a de Anna Melikhova, que deseñou o logotipo que lucía a comitiva nas camisetas e que exerceu de tradutora durante a viaxe. Un agradecemento que fai extensivo a profesora de música do CPPI Os Dices, Mireia Pamies, así como ás empresas que colaboraron neste proxecto: Más que mamás, Serigrafría Díaz e Autobuses Bustelo.
O venres, durante a viaxe de volta e dun xeito especial, Victoria Quiroga quíxollelles trasladar ás familias do alumnado “o seu agradecemento por implicarse e animar aos seus fillos e fillas a participar nesta viaxe, unha experiencia que estou segura non esquecerán”. O intercambio en Letonia é o terceiro que promove o Concello de Rois coa Escola Municipal de Música,despois das estadías en Venecia (2018) e Pastzó-Hungría (2019). De feito, unha comitiva de Pastzó devolverá a visita a finais deste ano.
A comitiva roisense
A representación de Rois que viaxou a Letonia está encabezada pola concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, e a xestora cultural Anayansi Singh, e integrada por alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música, co seu director, Manuel Villar, ao frente.
Forman parte do grupo da ESMU Grécia Domínguez, Aroa Boga, Víctor Abascal, Celtia Insua, Amelia Miguéns, Lourenzo Somoza, Aitana Rodríguez, Ileana Piñeiro, Alba Manni, Desirée Meis, Anrís Soto, Lucía Rabuñal, Anna Melikhova, Fabián Jamardo, Elena Domínguez, Amparo Cánovas, Brais Villar e Martín Chaves.
En representación do CPPI Os Dices viaxaron coa comitiva a profesora de música e xefa de estudios Mireia Pamies, xunto con Iker González, Carolina Martínez, Nuria Costa, Carmen Romarís e Rocío Casal.O profesor da ESMU Gabriel Miguéns encargouse dos arranxos musicais dos temas que interpreta o grupo en Letonia estes días.