-
Coa actuación desta tarde a través do Facebook do Concello a ESMU da por concluído o curso 2019-2020
-
A profesora de chelo Elena Domínguez explicou os beneficios de estudar música
-
O alcalde felicitou aos participantes no concerto de onte e no de hoxe e recordou que o prazo de matrícula está aberto ata o 3 de xullo
A Escola Municipal de Música (ESMU) de Rois ofreceu esta tarde o segundo concerto virtual co que o alumnado adulto despediu o curso 2019-2020 cunha vintena de actuacións, catro delas en directo. A iniciativa contou con numerosos seguidores na canle de Facebook do Concello de Rois, na que se retransmitiu en directo. O vídeo do concerto pódese ver tamén na canle de Youtube de Concello de Rois (neste enlace).
A pandemia da covid-19 impediu que, como todos os anos, alumnado e profesorado da ESMU de Rois puidese ofrecer o tradicional concerto de fin de curso no que amosa o avance dos preto de setenta alumnos que reciben formación na escola dirixida por Manuel Villar.
A pesar do confinamento, a ESMU de Rois seguiu dando clases en liña e decidiron ofrecer dous concertos virtuais a través da canle de Facebook do Concello para despedir o curso. Onte, sábado, foi a quenda ao alumnado de menor idade (con 27 actuacións). Hoxe, domingo, interveu o alumnado de maior idade, nun concerto que durou case unha hora.
Durante o concerto, a profesora de violonchelo Elena Domínguez volveu insistir nos beneficios que reporta estudar música, e animou a pequenos e maiores a anotarse na Escola de Municipal de Música antes do 3 de xullo, cando remata o prazo de matrícula para o curso 2020-2021.
O alcalde, Ramón Tojo, agradeceu a alumnado e profesorado o esforzo e a iniciativa de ofrecer estes dous concertos en director a través das redes sociais, nunha situación complexa como a provocada pola pandemia da covid-19.
Esta iniciativa pioneira en Rois contou cun grande respaldo dos seguidores da canle de Facebook do Concello, ao acumular máis de 500 reproducións aos poucos minutos de rematar o concerto. O concerto infantil do sábado superior as 1.000 reproducións.
O concerto infantil da ESMU de Rois pódese ver no seguinte vídeo