Todo listo e preparando xa a maletas. Alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Rois e do CPPI Os Dices inician este luns, día 17, o segundo intercambio con Letonia. Durante una semana volverán a percorrer o distrito de Rezekne e ofrecerán catro concertos, un deles durante os actos conmemorativos do Día do Condado de Rezekne, que se celebra o sábado 22.

Antes de iniciar a viaxe, a comitiva roisense realizou o último ensaio xeral no auditorio municipal diante de veciños e familiares. Neste concerto interpretaron as mesmas pezas que van tocar en Letonia. O repertorio inclúe dúas pezas populares letoas e obras de Mozart, José Luis Perales ou Leonard Cohen, ademais da popular peza galega Lela. A actuación do grupo roisense, que tocará conxuntamente con músicos letóns, rematará coa interpretacións do Himno de Letonia e do Himno Galego. Os arranxos musicais para estas actuacións foron feitos polo profesor da ESMU Gabriel Miguéns

A delegación de Rois, encabezada pola concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, e polo director da Escola Municipal de Música, Manuel Villar, regresará a Galicia o vindeiro 24 de xullo.

Catro concertos

Durante a súa estadía no distrito de Rezekne (situado a 240 quilómetros ao noroeste de Riga, a capital de Letonia), a Escola Municipal de Música de Rois vai ofrecer catro concertos. Os dous primeiros serán o día 20, cando actuará pola mañá na Escola de Música de Malta (que xa visitou en setembro pasado) e máis na casa de cultura de Vilani. Ao día seguinte, trasladaranse ata Nautreni, onde ofrecerán o segundo concerto.

O 22 de xullo celébrase o Día do Condado de Rezekne, que este ano vaise conmemorar no val de Ancupanu, cun moitas actividades para público de todas as idades. Pola tarde, a Escola de Música de Rois ofrecerá outra actuación.

A iniciativa do intercambio entre as escolas de música de Rois e as de Vilani e Malta (Letonia) que se celebrou o ano pasado xurdiu tras a reunión que celebraron en novembro de 2021 en Rois representantes dos 27 países da Unión Europea dentro do proxecto liderado polo concello As voces europeas contra o euroescepticismo. 

En setembro do ano pasado, unha delegación da ESMU viaxou a Letonia e, a semana seguinte, foi a delegación letoa a que veu coñecer Rois. Foi durante a recepción oficial no Concello cando os directores das escolas de música de Malta e Vilani, Normands Stekelis e Inta Brence, cursaron a invitación. Esta é a cuarta viaxe internacional que fai o alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Rois. A primeira experiencia tivo lugar en Venecia, entre o 27 de maio e o 1 de xuño de 2018, mentres que en abril de 2019 celebrouse un intercambio coa localidade húngara de Pasztó. En ámbolos dous casos formaron parte da comitiva roisense integrantes do OCT Chorima. O de Letonia en 2022 foi o terceiro intercambio musical financiado e promocionado polo Concello de Rois no que participou a ESMU, que nesa ocasión estivo acompañada tamén por alumnado do CPPI dos Dices.