Alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Rois e as alumnas de 4º de ESO do CPI Os Dices ofreceron na tarde do sábado 18 de decembro o tradicional Concerto de Nadal, co que felicitaron as festas ao tempo que amosaron os seus progresos académicos. O público asistente no auditorio do edificio multiúsos acompañou con palmas un repertorio coñecido por todos e todas, no que non faltaron as panxoliñas. O alcalde, Ramón Tojo, agradeceu o bo facer do equipo de profesionais da ESMU e salientou a “forte aposta desde o Concello por ter unha escola de música que é un referente na comarca e que lle dá á veciñanza, sobre todo aos máis cativos, unha forma de enfocar a vida e o futuro”. Así mesmo, Tojo anunciou que xa se está a traballar desde o Concello para promover novos intercambios musicais con países europeos, como xa se fixo en con Venecia e Hungría.
O Concerto de Nadal contou coas actuacións do grupo de Música e movemento, do Coro peque, do dúo de acordeóns e de dous conxuntos instrumentais. Como novidade, este ano actuou tamén o grupo de alumnas de 4º da ESO do CPI Os Dices. A presentación do novo combo de percusión puxo o broche final ao recital entre aplausos do público asistente.
Por mor do aumento da incidencia da covid 19, o acceso ao auditorio restrinxiuse ás unidades familiares de convivencia dos intérpretes. Para que toda a veciñanza poida desfrutar do concerto, realizouse unha gravación en vídeo con difusión nas redes sociais municipais.
O grupo máis numeroso foi o encargado de abrir o concerto. Os máis pequenos e pequenas da ESMU, da clase de música e movemento, interpretaron un Jingle Bell musical baixo a dirección da profesora Elena Domínguez Criado. Sobre o escenario engaiolaron ao público cos seus bailes Valeria Eiras Fresco, Lola Rodríguez Osorio, Lara Rodríguez Osorio, Valentina Souto Pan, Ana Bralo Pérez, Emma Bralo Pérez, Noa Estévez Álvarez, Uxía Dopazo Otero, Fabián Vázquez Eiras, Anxo Cordo Figueredo, Brais Insua Carregal, Xonxa Rei Feijóo, Hugo Heleno Eiras, Matías Castro Barrios, Camilo Seira Rodríguez Alvela e Ainhoa Pérez Sánchez.
A continuación, a formación Coro Peque interpretou o tema Dinosaurios no Nadal de Mamá Cabra. Co acompañamento ao acordeón do profesor Vadizm Yukhnevich e baixo a dirección artística de Anna Melikhova, amosaron a súa arte no escenario Ileana Piñeiro Degan, Ilinca Piñeiro Degan, Valeria Castro Pérez, Claudia Castro Pérez, Amelia Miguéns Castro, Aitana Rodríguez Cobas, Pepa Lenzós Pérez, Sabina Gutiérrez Cortizo, Ainhoa Pérez Sánchez e Anrís Soto Mélikhov.
A seguir, chegou unha das novidades da edición deste ano do Concerto de Nadal de Rois: a actuación das alumnas de 4º da ESO do CPI Os Dices. A profesora Mireia Pámies Martín acompañou a Sofía Dodman Vázquez, Amalia Grela López e Carmen Vidal Bustelo, que interpretaron un fragmento da Primavera de Vivaldi, Hallelujah de Leonard Cohen, Noite de Paz e Jingle Bell Rock.
O dúo de acordeóns formado polo profesor Vadizm Yukhnevich e polo músico Ramón Cobas Rodríguez sorprendeu cunha versión da popular Aparta loureiro verde e puxo a nota musical do Nadal coa interpretación da panxoliña Peces en el río.
O recital continuou coa actuación dos conxuntos instrumentais da ESMU. O primeiro, dirixido por Gabriel Miguéns Busto e formado por Nicolás Vázquez Pérez, Héctor Vázquez Pérez e Ileana Alba Piñeiro Degan, executou tres versións: Radioactive de Imagine Dragons, un fragmento do Inverno de Vivaldi e outro de Va pensiero, de Verdi.
O segundo conxunto tamén interpretou temas moi coñecidos polo público asistente. O Moonlight Shadow de Mike Olfield e It’s my Life de Bon Jovi soarón da man de Sabela Becerra Baamonde, Damián Losada Vázquez, Xoel Cristobo Zúñiga, Xulia Cristobo Zúñiga, Lourenzo Somoza Singh e Ángel Tubío Pérez; dirixidos por Moisés Barreiro Turnes e Fabián Jamardo Pérez.
A continuación, o director da Escola Municipal de Música, Manuel Villar, tivo unhas palabras de agradecemento ao profesor de percusión Leo Pimentel, quen acaba de xubilarse, polo seu bo facer docente.
Chegou entón un dos momentos máis emocionantes da tarde, coa presentación do novo combo de percusión a cargo do profesor Brais Villar. Antón Tubío Ferreiro, Ángel Tubío Pérez, Óscar Cordo Figueredo e Anxo Vilar García sorprenderon ao público cunha espectacular entrada dende o fondo da sala, facendo soar as baquetas e convidando a toda a xente a acompañalos coas palmas.
Pechou o acto o alcalde de Rois felicitando as festas a todas as persoas asistentes e a toda a veciñanza. Ramón Tojo destacou o feito de que a Escola seguise coa súa actividade nos meses máis duros da pandemia, “mesmo facendo concertos en liña. O que se fixo en Rois non é usual, eu diría que resulta extraordinario nun concello pequeno coma este”, dixo, agradecendo ao persoal o enorme esforzo realizado para que estas actividades sigan sendo “un referente non só en Rois, senón en toda a comarca, grazas ao traballo que se leva a cabo por parte do equipo profesional”.
Máis fotos do Concerto de Nadal 2021 no Facebook do Concello de Rois, neste enlace.