
O auditorio municipal volveu encherse este domingo para asistir ao Concerto de Nadal co que a Escola Municipal de Música de Rois (ESMU) lle desexa unhas felices festas a toda a veciñanza. A concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, e o de Medio Ambiente, Manuel Cobas, felicitaron ao alumnado ao rematar unha actuación na que non faltaron as panxoliñas.
O Concerto comezou coa cativada de Música e movemento que interpretou o tradicional Mi burrito sabanero. O Coro Infantil tomou despois o relevo para cantar El reno Rodolfo e Este pandeiro, rematando a súa actuación todas caracterizadas para interpretar o coñecido Oh Happy Day.
O director da ESMU, Manuel Villar, presentou despois a Agrupación viaxeira da escola, formada polo mozos e mozas que participa nos intercambios internacionais que promove o Concello de Rois para ampliar a formación do alumnado. Para esta actuación elixiron Cando caia o sol e Noite de paz, que tamén foron moi aplaudidas polo público.
A Orquestra de cordas da ESMU foi a encargada de pechar este concerto de Nadal, tocando Can’t help falling in love with you, Star Wars e a panxoliña tradicional galega Nadal de Luintra.
Ao rematar, todas as persoas que participaron no concerto fixéronse unha foto de familia con Victoria Quiroga e Manuel Cobas.

















