Eh Soom Boo Kawaya, Que canten los niños, Adeste Fidelis ou Cun sombreiro de palla foron algúns dos temas que onte interpretaron alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Rois (ESMU) para darlle a benvida ao Nadal nun concerto que entusiasmou ao público que enchía o auditorio municipal.
Neste tradicional concerto de Nadal participou o alumnado de música e movemento e linguaxe musical, interpretando a canción popular nixeriana Eh Soom Boo Kawaya. O coro co alumnado máis novo subiu ao escenario para cantar o tema de José Luis Perales Que canten los niños e a canción tradicional colombiana Anton tiruriruriru; mentres que o coro de maiores elixiu o tradicional Adeste fidelis.
Juegos de tronos e Cun sombreiro de palla foron os temas elixidos pola orquestra de cordas que está promovendo a ESMU, antes da interpretación en piano a catro mans de Heart and Soul. O concerto rematou coa actuación dos dous conxuntos instrumentais da ESMU. No primeiro caso tocaron Billie Jean, de Michael Jackson, e Hey Brother. O tema de Europe The final Countdown pechou este concerto co que a Escola Municipal de Música “agradécelle ás familias, ao alumnado e profesorado, ao Concello de Rois e a toda a veciñanza o apoio recibido durante o curso e deséxalles un Bo Nadal”, como dixo o director da escola, Manuel Villar.