O Pleno do Concello de Rois ratificou hoxe a proposta da mesa de contratación para adxudicar o Servizo de Axuda no Fogar á Uniges-3 SL, a única que foi admitida no proceso de licitación. A oferta da empresa cordobesa contempla un prezo de 23,83 euros a hora impostos incluídos, (22,91 sen IVE) pola prestación do servizo e na súa proposta tamén inclúe 100 servizos complementarios de perruquería, 300 de podoloxía e 60 horas anuais de cursos de formación en coidados. A proposta foi aprobada cos 8 votos a favor do equipo de goberno do PP e a abstención do PSdeG (2) e do BNG (1).
O SAF de Rois licitouse por un período de dous anos, coa posibilidade de prorrogalo un ano máis. O importe máximo que aboará o Concello será de 595.660 euros anuais (IVE incluído) se a prestación do servizo se fai polo número máximo de horas estipuladas.
Para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar, ademais do persoal de Uniges-3, o Concello de Rois seguirá contando con persoal municipal, como viña facendo ata o de agora.
Ao proceso de licitación para adxudicar o SAF de Rois tamén se presentouse outra empresa, pero foi excluída pola mesa de contratación por non contar coa solvencia técnica mínima esixida nos pregos da licitación.
Durante o debate, tanto BNG como PSdeG argumentaron a súa abstención por considerar baixa a oferta económica e entender que as condicións ofertadas pola empresa non van mellorar o servizo nin as condicións das traballadoras.
O alcalde, Ramón Tojo, indicou que o prezo da hora é similar ao que se está pagando noutros municipios e que o Concello de Rois velará porque se cumpra a legalidade e se manteña a calidade do servizo.
POS+ adicional para gasto corrente
No Pleno deste venres, a Corporación tamén aprobou dedicar a gasto corrente os 398.403,08 euros da segunda fase do POS+ Adicional 2/2026. Este importe destinarase a pagar a recollida do lixo, alumeado público e o mantemento de accesos a núcleos de poboación. Esta proposta foi aprobada cos votos a favor de PP (8) e PSdeG (2) e a abstención do BNG (1).

















