A xuntanza multidisciplinar de artistas galegos Land Art – Seira cumpre catro anos cunha nova cita que terá lugar o día 17 de setembro. Este evento reúne cada ano nestas datas preto de vinte figuras do panorama artístico galego cunha única finalidade: homenaxear a natureza desde o prisma da arte.

A iniciativa, nada no ano 2019 e impulsada por Camilo Seira, o colectivo Os Catro Gatos e o Concello de Rois, consiste en realizar un proceso de creación artística unicamente cos materiais atopados no espazo natural, tradicionalmente a carballeira do Bispo, en Seira. A localización será un dos cambios máis importantes, xa que nesta ocasión o proxecto moverase á praia fluvial de Seira, ofrecendo isto novas posibilidades creativas ás e aos artistas convidados.

Land Art – Seira persegue captar un pouco da maxia dos antigos traballos do campo e recuperar o respecto pola natureza nunha proposta artística ecolóxica e respectuosa. Proposta que poderá ser percorrida nunha visita guiada os días 18 de setembro e 1 de outubro ás 12.00 horas. Para poder desfrutar desta actividade, os e as interesadas deberán inscribirse ata o 15 de setembro escribindo un correo electrónico ao seguinte enderezo: inscricions@rois.gal.