José Manuel Iglesias (3º esquerda), Manuel dos Santos (5º), Carlos Ares (7º) e Martín del Río (10º) non repetirán como concelleiros

O Pleno da Corporación de Rois pechou onte a lexislatura 2019-2023 nunha sesión extraordinaria na que se aprobaron as últimas actas e se despediu aos catro concelleiros que non continúan na Corporación, tres do PP e un do PSdeG.

Manuel dos Santos, Carlos Ares e Martín del Río despedíronse onte da Corporación de Rois. Manuel dos Santos acumula 20 anos como edil. A súa primeira experiencia foi de catro anos na década dos oitenta, e dende 2007 é o primeiro tenente de alcalde de Ramón Tojo. O máis veterano da Corporación é o concelleiro de Obras, Carlos Ares, con oito lexislaturas representando ao Partido Popular, dende que entrou na Corporación en 1991.  Martín del Río Gestoso foi concelleiro de Deportes durante os últimos oito anos. Pola súa Banda, José Manuel Iglesias foi concelleiro de Rois polo PSdeG durante 28 anos nas diferentes etapas que formou parte da Corporación.

O alcalde, Ramón Tojo, e o voceiro socialistas, Manuel Regueira, agradecéronlle aos catro o traballo desenvolvido no Concello de Rois a prol da veciñanza.Este sábado, 17 de xuño, ás 11.00 horas constituirase a nova Corporación, na que o PP incrementou a súa maioría absoluta ao obter oito concelleiros nas pasadas eleccións municipais do 28 de maio. O PSdeG terá 2 representantes e 1 o BNG.