Os concelleiros e concelleiras de Rois decidiron  doar o importe das dietas establecidas pola asistencia ao pleno de onte para colaborar co veciño da aldea de Quintáns (Urdilde) ao que lle morreron nove vacas intoxicadas con estramonio. Os integrantes da Corporación aportan 825 euros á conta solidaria aberta polo Concello, que a última hora da mañá de onte levaba recadados xa 7.000 euros.

O obxectivo é que Manuel Rodríguez Castro poida mercar novas reses, despois de que a mediados do pasado mes de outubro vise como lle morrían 9 das 14 vacas debido a unha intoxicación coa planta da que se obtén a burundanga. O 18 de outubro, o Concello abría en Abanca a conta solidaria ES49 2080 0328 9031 1000 0042 na que xa se levan recadados sete mil euros. En marcha hai outras iniciativas para axudarlle a este gandeiro da parroquia de Urdilde.

Ademais desta colaboración co veciño afectado, a Corporación aprobou por unanimidade constituír o vindeiro 14 de decembro a Mesa local de coordinación interinstitucional fronte a violencia de xénero. Tamén cos votos a favor dos tres grupos aprobouse a moción presentada polo BNG solicitándolle ao Goberno central que rebaixe o IVE da bombona de butano e máis da de propano, como medida para rebaixar a facturas enerxética ás persoas que viven no rural (actualmente a rebaixa do IVE aplícase ao gas cidade, pero non ao embotellado).

A Corporación tamén ratificou o padrón de habitantes a data de 1 de xaneiro deste ano, cando Rois contaba con 4.445 veciños e veciños.  Durante o pasado ano rexistráronse 140 altas e 186 baixas no censo municipal. Para non seguir perdendo poboación, o BNG pediu un cambio de política para incentivar que a xente se empadroe e o PSdeG que se actualice o PXOM para facilitar a construción de vivendas. O alcalde, Ramón Tojo, destacou o alto número de nacementos, os moitos servizos que ofrece o Concello á veciñanza e as vías de comunicación que conectan Rois coa comarca e con outros puntos de Galicia, como medidas que axudarán a recuperar poboación.

Durante a sesión, o equipo de goberno do PP rexeitou a moción socialista para bonificar o IBI (contribución) as explotacións agropecuarias indicando que se está apoiando ao sector primario coa mellora de infraestruturas e servizos, ademais de destacar que Rois aplica o mínimo legal do 0,40% no recibo da contribución. A iniciativa contou con 6 votos en contra do PP e 4 a favor (PSdeG e BNG).

O PP tamén rexeitou a moción do BNG solicitando máis axudas da Xunta para o CIM Terras de Iria para garantir a atención á violencia machista nun contexto de crise de prezos e repunte do machismo e. A concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante, lembrou o incremento da inversión feito polo goberno galego e argumentou que o Concello está moi satisfeito co funcionamento do Centro de Información á Muller. Dende que se asinou o convenio en 1995, o centro atende aos municipios de Rois, Padrón e Dodro. O alcalde concluí o punto sinalando que Rois “ten un servizo eficiente e coa labor do CIM Terras de Iria temos uns servizos exemplares”. A moción foi rexeitada cos votos en contra do PP (6) e a favor de PSdeG (3) e BNG (1).

No capítulo de rogos e preguntas Begoña Ares (BNG) interesouse pola Festa da Xuventude, que se vai celebrar o vindeiro sábado coa actuación da Orquestra Panorama, e canto lle vai costar ao Concello. O alcalde, Ramón Tojo, respondeu que a festa organizase cos 7.000 euros de subvención que da a Deputación para reactivar o sector das orquestras o co canon do bar, “polo que o Concello terá que pagar moi pouco”.

Preguntado por que non se destinou estas a xudas as comisión de festas parroquiais, Ramón Tojo explicou que cando a Deputación sacou a convocatoria, moitas parroquias xa celebraran as súas festas e, por outra banda, os requisitos esixidos na convocatoria poñíanlle moitas dificultades á moitas comisións. “Por este motivo decidimos organizar a festa dende o Concello, cunha actuación de primeiro nivel”, dixo. Ademais, o alcalde lembrou que dende o Concello xa se colabora con todas as comisións de festas a través do programa Cultura Dispersa, que leva espectáculos a todas as parroquias, ademais dunha aportación económica de 300 euros a cada comisión.

Dende o grupo socialista, en relación co PAI de Urdilde, para o que se agarda unha achega da Deputación de 80.000 euros, Manuel Regueira preguntou pola reunión do Concello co Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, que se encarga de xestionar A Galiña Azul. O alcalde respondeu que en Urdilde vaise facer un Punto de Atención á Infancia, para facilitarlle a conciliación as familias con menores de ata 3 anos, sobre todo da zona norte do Concello.