O departamento de Servizos Sociais do Concello de Rois organiza un ano máis unha convivencia educativa para mulleres, que nesta ocasión se desenvolverá en Cantabria na fin de semana do 18 e do 19 de novembro. O prazo de inscrición estará aberto dende o luns 30 de outubro ata o venres 10 de novembro, ámbolos días incluídos.
Durante este encontro, enmarcado no programa de actividades co que Rois conmemorará o 25N, as mulleres participantes terán ocasión de coñecer novos lugares e facer turismo ao tempo que afondan nas relacións interxeracionais e reflexionan, entre outros temas, sobre a grave problemática que representa a violencia de xénero.
A participación está aberta a todas as mulleres maiores de 18 anos que estean empadroadas no municipio de Rois e volve a facerse en fin de semana coa idea de que poidan sumarse non xubiladas e pensionistas, senón tamén mulleres traballadoras e estudantes, de xeito que poidan participar mulleres de todas as idades.
O custo da convivencia é de 100 euros por persoa. As interesadas en asistir á convivencia deberán formalizar a inscrición no departamento municipal de Servizos Sociais co DNI e o xustificante de pagamento. O ingreso dos cen euros terán que facelo na conta do Concello de Rois ES64 2080 0328 9631 1000 0060, asegurándose antes que hai prazas vacantes no propio departamento de Servizos Sociais. O horario de atención ao público é de 9.00 a 14.00 horas luns, martes, xoves e venres.
Ademais de con esta convivencia, o Concello de Rois conmemorará o Día Internacional contra a Violencia de Xénero o vindeiro 25 de novembro coa representación no auditorio da ópera electrónica Papagena, dirixida ao alumnado do municipio e aberta ao público en xeral.