O departamento de Servizos Sociais do Concello de Rois organiza, un ano máis e coincidindo coa conmemoración Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres o 25 de novembro, unha nova edición da Convivencia de Mulleres, que nesta ocasión terá como destino a comunidade veciña de Asturias.
A viaxe realizarase durante a fin de semana do 22 e do 23 de novembro e ten como obxectivo fomentar a convivencia, o intercambio de experiencias e a reflexión conxunta entre as mulleres do municipio. Trátase dunha proposta educativa e de lecer que pretende favorecer a relación interxeracional, o encontro e o diálogo sobre cuestións que afectan á vida persoal, familiar e social das mulleres de Rois.
A participación está aberta a todas as mulleres maiores de idade empadroadas no Concello de Rois, co propósito de facilitar a asistencia tanto de pensionistas como de mulleres traballadoras ou estudantes, para impulsar así un espazo de encontro entre distintas xeracións.
O custo da convivencia é de 100 euros por persoa, que deberán ingresarse na conta do Concello de Rois en Abanca (ES64 2080 0328 9631 1000 0060). As interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición no departamento municipal de Servizos Sociais entre os días 6 e 13 de novembro, ámbolos dous incluídos, achegando o DNI e o xustificante do pagamento. Cada persoa poderá facer un máximo de dúas inscricións.
Lembramos que o departamento de Servizos Sociais atende ao público en horario de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres, agás os mércores.
Recordamos tamén que as prazas da convivencia son limitadas e que se asignarán por rigorosa orde de inscrición, polo que se recomenda realizar a inscrición canto antes.
O Concello de Rois anima a todas as veciñas a participar e reafirma o seu compromiso coa igualdade de xénero e o benestar das mulleres, promovendo espazos de convivencia e participación activa.

















