![Clausura Obradoiro dural de emprego Comarca do Sar 2021 coa Conselleira Maria Jesús Lorenzana](https://www.rois.gal/wp-content/uploads/20220909_Clausura_Obradoiro_Emprego_Comarca_Sar_2021_Padron_Rois_Dodro-17-1300x865.jpg)
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, clausurou esta mañá en Padrón o obradoiro dual de emprego Comarca do Sar 2021 organizado de xeito conxunto polos concellos de Padrón, Dodro e Rois, e que contou cun investimento por parte da Xunta de case 347.000 euros para formar a 18 persoas, tres das cales xa atoparon traballo. Lorenzana anunciou a concesión dun novo obradoiro de emprego para este ano.
No acto de clausura estivo presente o alcalde de Rois. Durante a súa intervención, o alcalde de Padrón felicitou aos participantes “polo magnífico traballo” que fixeron nestes nove meses e volveu destacar a importancia de “buscar obxectivos comúns” entre os concellos promotores, “porque a unión fai a forza” para seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza.
Durante nove meses un total de 18 alumnos e alumnas formáronse no obradoiro dual e emprego Comarca do Sar 2021 en dúas especialidades: realización de operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización, por unha banda, e actividades auxiliares para a conservación e a mellora de montes, pola outra.
A conselleira destacou que as persoas participantes tiveron a oportunidade de poñer en práctica os coñecementos adquiridos, realizando actuacións de acondicionamento e rehabilitación que contribuíron a mellorar os núcleos urbanos e os espazos naturais desta comarca. “Unhas actuacións que repercutiron positivamente na vosa contorna e protexeron un dos bens máis prezados que temos: o noso medio ambiente”, subliñou.
Puxo como exemplo a efectividade deste tipo de actividades para abrir novas portas ao mercado de traballo. Lorenzana, indicou neste senso, que tres dos alumnos participantes no taller atoparon xa un emprego.
![Clausura Obradoiro dural de emprego Comarca do Sar 2021 coa Conselleira Maria Jesús Lorenzana](https://www.rois.gal/wp-content/uploads/20220909_Clausura_Obradoiro_Emprego_Comarca_Sar_2021_Padron_Rois_Dodro-10-1300x865.jpg)
Limpeza de espazos público e novo tellado nos Dices
Durante os nove meses que estiveron formándose, o alumnado-traballador da modalidade de conservación e mellora de montes limpando e acondicionando diferentes espazos públicos, como os arredores do local de veciños de Sorribas, e das unitarias de Sorribas e dos Dices, ademais da finca municipal de Samil e varias áreas recreativas, entre outras.
Os e as participantes no módulo de acabados ríxidos e urbanización repararon o tellado da escola unitaria dos Dices.
En Padrón fixeron melloras nalgunhas rúas do casco histórico, cambiando o enlousado e as canalizacións e ampliando a franxa de seguridade nos accesos ao monte San Gregorio ou monte do Santiaguiño. En Dodro realizaron melloras en diversas pistas forestais e no entorno dos hórreos de Lavandeira, Imo e Dodro.
“Podedes estar orgullosos, porque fixestes un gran traballo”, lles dixo o alcalde de Padrón durante o acto, que congregou no auditorio padronés, a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, ao alcalde de Dodro, Xabier Castro, ás técnicas de emprego dos tres concellos e ao persoall docente e alumnado do obradoiro Comarca do Sar 2021.
Diplomas e novo obradoiro
Ao rematar o acto, os alumnos recibiron un diploma e un certificado de profesionalidade. Ademais, a conselleira dixo que a Xunta mantén firme o seu compromiso con este tipo de iniciativas demandadas polos concellos e a veciñanza e anunciou que en 2022 Padrón, Dodro e Rois contarán cunha nova edición do obradoiro dual hoxe clausurado.
A ese novo obradoiro destinaranse 504.000 euros, case 158.000 euros máis que o pasado ano, o que permitirá formar 20 veciños e veciñas en situación de desemprego durante 12 meses (o actual durou 9) en materia de revestimentos e na atención sociosanitaria a persoas dependentes.
Incremento orzamentario
Lorenzana aproveitou o acto para anunciar a alza do 25% no orzamento previsto para a convocatoria 22-23 dos obradoiros duais de emprego, co obxectivo de “podermos atender a totalidade das solicitudes admitidas”, subliñou. Esta ampliación de crédito de 10,5 millóns de euros, publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e permitirá incrementar ata os 52,6 millóns de euros o investimento da Xunta para estes anos. Estamos, segundo indicou, ante “un significativo aumento, o maior dos últimos 12 anos, co que se realizarán 101 obradoiros duais de emprego na nosa Comunidade e se ofrecerán contratos de formación e aprendizaxe a 2.001 persoas durante doce meses, tres máis que ata o de agora”.