Victoria Quiroga entrega materiais da campaña A desvergonza do galego

Co obxectivo de fomentar o uso do galego e destacar a importancia das compras na nosa lingua, o Concello de Rois únese á iniciativa promovida pola Deputación da Coruña, “A desvergonza do galego”, a través do Servizo de Normalización Lingüística. Este proxecto busca resaltar e promover o uso do galego en ámbitos cotiáns como as compras e as relacións comerciais.

Este mércores, 27 de decembro, a concelleira de Culturua Victoria Quiroga participou na entrega do material da campaña nos establecementos de Rois. Canda unha carta asinada polo alcalde, Ramón Tojo, na que se anima a participar nela, repartíronse adhesivos de diferentes tamaños para decorar os locais e para acompañar os agasallos con mensaxes que
animan a empregar a nosa lingua sen complexos e sen vergonza.

“Queremos celebrar e impulsar o uso do galego, especialmente neste momento do ano, fomentando a súa presenza nos nosos negocios e na vida cotiá”, subliñou a concelleira Victoria Quiroga.