Os directores das escolas de música de Malta e Vilani, Normands Stekelis e Inta Brence, sorprenderon esta mañá ao alcalde de Rois durante a recepción no concello que lles fixo o goberno local, ao anunciar que están “valorando invitar” a Escola Municipal de Música de Rois a “participar nun gran festival” que van organizar para “unir aos pobos de Rezekne Distrit”, unha rexión ao leste de Letonia na que viven preto de 40.000 persoas. Durante a benvida oficial á comitiva letoa no salón de plenos, Ramón Tojo asegurou que a música “é un idioma universal que nos axuda a entendernos e expresarnos” con persoas doutras culturas.
A visita da comitiva letoa forma parte do intercambio internacional de música que promove o Concello de Rois, no que participan alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Rois e do CPPI Os Dices, por parte galega, e alumnado e profesorado das escolas de música de Malta e Vilani, dúas localidades da rexión letoa de Rezekne. A semana pasada a comitiva galega estivo coñecendo Letonia e onte chegaban a Santiago 14 representantes das dúas escolas de Rezekne Distrit.
Mañá, xoves, a partir das seis da tarde, as dúas agrupacións ofrecerán un concerto conxunto no auditorio municipal de Rois, a partir das 18.00 horas. A entrada é libre ata completar aforo. Nesta actuación, as dúas formacións ofrecerán temas tradicionais da música galega e letoa, ademais de interpretar algunhas cancións conxuntas para rematar cantando os himnos galego e letón.
Visita ao pazo do Faramello, Amipa e Cidade da Cultura
A comitiva de Letonia, formada por 14 persoas entre alumnado e profesorado das dúas escolas de Rezekne, chegou onte pola tarde ao aeroporto de Lavacolla. Tras visitar a Cidade da Cultura, trasladouse ata Urdilde, onde foi recibida polo tenente de alcalde, Manuel dos Santos, antes de aloxarse no hotel Camiño do Mar.
Esta mañá, tras a recepción oficial no Concello de Rois, na que participaron membros do equipo de goberno, a delegación letoa visitou o pazo do Faramello e as instalacións da Asociación Amipa. Aquí, Inés Varela contoulles o que facían as persoas con discapacidade intelectual na reitoral de Sorribas. Pola tarde, o artista Camilo Seira explicoulles polo miúdo a exposición Land Art que se pode ver en Seira, formada por obras feitas por creadores de diferentes disciplinas utilizando só os materiais que atopan na natureza.
Antes de dirixirse ata Valga para ver o belén vivente e as instalacións do Centro Superior de Música, a comitiva letoa achegouse ata as instalacións de Aluminios Cortizo acompañada por algúns dos nenos e nenas de Rois que a pasada semana estiveron en Letonia.
Mañá, xoves, farán unha visita á vila de Noia antes de xuntarse ás catro da tarde no auditorio municipal coa agrupación de Rois para os ensaios previos ao concerto, que comezará ás seis da tarde. Xa pola noite, está prevista unha cea de confraternidade entre as dúas agrupacións.
Este terceiro intercambio internacional que promove o Concello de Rois coa Escola Municipal de Música rematará o sábado, cando a delegación letoa regrese a Rezekne tras visitar a catedral e o casco antigo de Santiago. No ano 2018 a Escola Municipal de Música de Rois viaxou a Venecia (Italia) e en 2019 a Pastzó (Hungría).
A comitiva roisense
A representación de Rois que participa neste intercambio e viaxou a semana pasada a Letonia está encabezada pola concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, e a xestora cultural Anayansi Singh, e integrada por alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música, co seu director, Manuel Villar, á fronte.
Forman parte do grupo da ESMU Grécia Domínguez, Aroa Boga, Víctor Abascal, Celtia Insua, Amelia Miguéns, Lourenzo Somoza, Aitana Rodríguez, Ileana Piñeiro, Alba Manni, Desirée Meis, Anrís Soto, Lucía Rabuñal, Anna Melikhova, Fabián Jamardo, Elena Domínguez, Amparo Cánovas, Brais Villar e Martín Chaves.
En representación do CPPI Os Dices forman parte do grupo a profesora de música e xefa de estudios Mireia Pamies, xunto con Iker González, Carolina Martínez, Nuria Costa, Carmen Romarís e Rocío Casal.
O profesor da ESMU Gabriel Miguéns encargouse dos arranxos musicais dos temas que interpreta o grupo e que se poderán escoitar no concerto de maña.